O BNG-Asembleas Abertas pide o orzamento completo para poder facer achegas

O BNG-Asembleas Abertas pide o orzamento completo para poder facer achegas

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

“Sen toda a información é imposíbel a participación”

Betanzos, 4 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas solicitou esta mañá ao goberno local que lle achegue unha copia completa do anteproxecto dos orzamentos para 2016. “Temos unha parte do orzamento de gastos, mais faltan capítulos enteiros como o de persoal e absolutamente todo o relativo aos ingresos”, indicou o voceiro das nacionalistas, Henrique del Río.

“Sen ter toda a información non podemos facernos unha idea exacta deste anteproxecto, e moito menos aínda propoñer cambios cun mínimo de rigor”, indicou o edil nacionalista. “Precisamos todos os datos para poder facer propostas razonadas e ben fundamentadas”, asegura. Desde o BNG-Asembleas Abertas consideran que sen coñecer a previsión de ingresos resulta moi difícil cuantificar investimentos ou novos programas en áreas estratéxicas para Betanzos.

“Obviamente, sen unha proposta completa tamén se obstaculiza a participación da veciñanza, porque o primeiro paso para iso é que o goberno local facilite toda a información”, asegura Del Río. Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas insisten en elaborar as contas de xeito participativo, xa que aseguran que implica máis transparencia e control do goberno local por parte da veciñanza e, á vez, determinar que os investimentos se axustan ás necesidades que a veciñanza sinte como prioritarias.

O BNG-Asembleas Abertas pide o orzamento completo para poder facer achegas