O BNG–Asembleas Abertas insta a protexer o edificio da fábrica da luz

O BNG–Asembleas Abertas insta a protexer o edificio da fábrica da luz

O edificio da fábrica da luz foi proxectado por González Villar

Henrique del Río: “A mellor forma de protexer e conservar este edificio modernista é albergar nel servizos municipais”

Betanzos, 5 de decembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas pediu novamente no Pleno de novembro que se fixasen prazos e actuacións concretas para garantir a conservación da fábrica da luz na Ponte Nova. As nacionalistas recordan que xa foron aprobadas varias iniciativas no Pleno, sempre instando á protección deste inmoble modernista sen que o goberno local fixese nada polo de agora para garantir a súa conservación.

“O alcalde requiriu á empresa que solucionase como mellor lle parecese o deterioro do inmoble e iso abriu a porta á ruína do edificio”, lamentou o voceiro das nacionalistas, Henrique del Río, no último Pleno. Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten de que a fábrica da luz, obra de González Villar, “continúa progresivamente o seu deterioro e xa nin cuberta ten”.

Para as nacionalistas, o emprazamento da fábrica da luz faría do edificio un lugar óptimo para albergar servizos municipais. “Sexa como for, o que si semella fóra de toda lóxica é permitir a desaparición deste edificio de valor histórico e artístico para construír un bloque de pisos no espazo privilexiado que ocupa”, conclúe o voceiro nacionalista.

O proxecto de plan urbanístico redactado polo executivo local motivou que BNG propuxese no Pleno que o goberno municipal negocie de vez cos propietarios a cesión e o amaño do edificio e que, mentres tanto, obrigue non só a actuar aos propietarios para garantir a conservación da fábrica modernista, senón tamén a garantir a seguridade dos peóns e vehículos que circulan pola avenida da Coruña.

O BNG–Asembleas Abertas insta a protexer o edificio da fábrica da luz