O BNG-Asembleas Abertas demanda participación veciñal para a redación do orzamento

O BNG-Asembleas Abertas demanda participación veciñal para a redación do orzamento

casa_concello“Betanzos precisa un orzamento, é evidente, mais non calquera orzamento senon un que propoña solucións aos problemas dos nosos veciños e veciñas”

Betanzos, 28 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas fixo hoxe pública a súa primeira valoración sobre o proceso de aprobación dos orzamentos municipais. “Enterámonos polos medios de comunicación de que en teoría tiñamos unha proposta de orzamentos da que non tiñamos noticia e tivemos que pedirlla ao goberno local para que nos deran unha proposta só dalgunhas partidas do orzamento de gasto”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Se este é o interese que ten o PSOE en falar cos representantes da veciñanza a verdade é que os acordos prevense complicados, mais non deixaremos de intentalo polo ben da veciñanza”, engadiu Del Río, quen reclamou moita máis participación e transparencia na elaboración do documento que vai marcar toda a política municipal, cando menos, do vindeiro ano.

Neste sentido as nacionalistas demandan ao goberno local que redacte os orzamentos de xeito participativo, na liña do que xa demandaron durante a elaboración das dúas últimas contas aprobadas en Betanzos. “O orzamento participativo supón maior transparencia do gasto público porque a veciñanza saberá en que se vai gastar e avaliará se se fixo ou non” explican, “é o lóxico, xa que estamos falando de cartos de todas, que todas poidamos decidir como gastalos”.

“O método escollido polo goberno do PSOE non nos parece acaído, xa que pensamos que esta dando as costas aos veciños e veciñas para antepoñer as súas comenencias”, explican as nacionalistas. Neste sentido, insisten, o goberno local debe “dar voz” a toda a veciñanza e a todas as entidades para fixar as prioridades deste ano “con luz e taquígrafos, sen xogar a tratos opacos de palacio”.

“Xa é mal comezo empezar a falar dos orzamentos rematando xaneiro, cando tiñan que terse aprobado en outubro”, lamentou. Neste sentido, as nacionalistas recordan que desde 2014 Betanzos está sen orzamento. “Betanzos precisa un orzamento, é evidente, mais non calquera orzamento senon un que propoña solucións aos problemas dos nosos veciños e veciñas”, engadiu Del Río.

“Polo de agora non podemos facer unha valoración do documento porque aínda o estamos estudando, que nolo deron esta mesma mañá, pero insistimos en que o método utilizado para a súa elaboración nos non parece o correcto e pensamos que o goberno local aínda está a tempo de rectificar e facer as cousas ben. Confiamos niso”, concluíron.

O BNG-Asembleas Abertas demanda participación veciñal para a redación do orzamento