O BNG anunciou xuntanzas veciñais este mes nos barrios e parroquias para explicar o PXOM

O BNG anunciou xuntanzas veciñais este mes nos barrios e parroquias para explicar o PXOM

Un detalle do Plan onde se ve a nova vila que se debuxa en torno a Infesta, Casas Novas e Montellos (esquerda)

“O goberno local recoñeceu na xuntanza da comisión redactora do Plan Xeral que aínda non remitiu o documento para informe previo da Xunta”.

“Xa que o goberno local se nega a explicalo imolo ter que explicar nos. É penoso que sexa a oposición quen teña que dar conta á veciñanza porque o PSOE se nega a facelo”.

Betanzos, 2 de xaneiro de 2015. O BNG pediu, na comisión do Plan Xeral celebrada o pasado día 29 de decembro, que o proceso de redacción do documento se faga coa máxima transparencia. “Reclamamos na reunión que se colgue o documento e os informes na web municipal para que toda a veciñanza poida ter acceso e que o goberno local explique nos diferentes barrios e parroquias a súa proposta de Plan Xeral”, indicou Henrique del Río, portavoz do BNG. .“Até a fase de exposición pública do Plan, logo da aprobación inicial, dixeron que non o farían público”, lamenta o voceiro nacionalista.

“O goberno local recoñeceu na xuntanza que aínda non remitiu o documento para informe previo da Xunta”, explicou o edil nacionalista. O PSOE comprometérase hai meses a remitir o documento ao goberno galego. “Incumpren os prazos que eles mesmos marcaron, mais non nos dixeron debido a que”, engaden desde o BNG.

“É un tema demasiado importante como para despachalo simplemente no trámite de alegacións ao plan” sosteñen desde o BNG, que insisten en que “é deseñar o futuro do Concello a vinte anos vista”. “Desde logo, se o PSOE non quere darlle información e participación á veciñanza nun asunto como este e o deixa todo nun formalismo, nós cumpriremos a palabra dada no seu día e intentaremos trasladarlle aos veciños e veciñas toda a información da que dispoñamos”, advertiu Del Río. “O futuro de Betanzos non o poden deseñar vinte persoas a porta pechada e de costas á realidade e as necesidades do pobo”, advertiu.

Desde o BNG insisten en que abordar “coa máxima transparencia” o proceso de redacción e aprobación do Plan Xeral “é precisamente a garantía de que todo o mundo ten oportunidade de participar nun tema crucial coma este”. “Da a impresión de que ao goberno local o que lle interesa é xusto o contrario manter o deseño do Plan en segredo até despois das eleccións municipais, eles dirán porqué”, engade Del Río.

Xa que o goberno local se nega a explicalo imolo ter que explicar nos. É penoso que sexa a oposición quen teña que dar conta á veciñanza porque o PSOE se nega a facelo

“Ao día seguinte de que a Xunta publique o informe previo no seu web todos os especuladores van saber por onde ir para sacar tallada do documento, pero a veciñanza estará a velas vir”, advertiu na xuntanza o voceiro nacionalista, Henrique del Río

O BNG anunciou charlas polos diferentes barrios e parroquias

“Este mes de xaneiro vamos empezar un rolda de xuntanzas coa veciñanza dos diferentes barrios e parroquias para explicarlles o contido do Plan e recoller as súas opinións e suxestións”, indicou o voceiro nacionalista. “Xa que o goberno local se nega a explicalo imolo ter que explicar nos. É penoso que sexa a oposición quen teña que dar conta á veciñanza porque o PSOE se nega a facelo”.

Desde o BNG anunciaron tamén que estarán á disposición da veciñanza todos os martes a partir das 18 da tarde no seu local- na travesía da Torre, 2, 1º- para calquera consulta que a veciñanza queira facerlles en relación co PXOM e mostrarlles a documentación que xa debera ser pública.

O BNG anunciou xuntanzas veciñais este mes nos barrios e parroquias para explicar o PXOM