O BNG advertiu que os orzamentos municipais seguen sen prever ingresos pola ORA

O BNG advertiu que os orzamentos municipais seguen sen prever ingresos pola ORA

Henrique del Río e Carlos Días-responsábel local do BNG- nunha xuntanza con veciños

As nacionalistas explicaron que tampouco se prevén ingresos polo Hotel San Roque nin polas terrazas do Campo

Del Río: “Os orzamentos tampouco recollen os fondos necesarios para dotar con persoal funcionario de habilitación estatal a praza de tesouraría”

Betanzos, 23 de maio de 2016. O BNG advertiu que as previsións dos ingresos do orzamento municipal seguen sen prever ingreso ningún da empresa concesionaria da ORA. “As contas tampouco recollen a totalidade dos canons que o Concello debería percibir polas diversas concesións que ten na actualidade”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Non recoller no orzamento a totalidade da contía e axustala tan só ao que se cobrou o pasado ano supón renunciar a cobrar todo o que corresponde da ORA, do Complexo San Roque ou das terrazas do Campo, entre outras”, explican. “Se unha veciña non paga a rodaxe non lle axustan o imposto o ano seguinte, embárganlle a conta”, denunciou, “é escandalosa a situación das empresas concesionarias que non ingresan e non pasa nada”.

Ademais, desde o BNG afirmaron que as previsións de ingresos están infladas xa que prevén recadar máis en diferentes apartados como a contribución (IBI), a rodaxe (IVTM) e varias taxas urbanísticas. “A propia Intervención advirte que este proceder pode desequilibrar o orzamento obrigando a realizar recortes de axuste nas vindeiras semanas”, engadiu Del Río.

 

Sen fondos para a praza da Tesouraría

 

Os orzamentos tampouco recollen os fondos necesarios para dotar con persoal funcionario de habilitación estatal a praza de tesouraría. “Hai unha sentenza que obriga a incluír esta praza no concurso do Estado, que xa está en marcha”, explica Del Río, que lamenta que “malia que xa sabemos que vai haber que contar con novo persoal na Tesouraría, o goberno do PSOE négase a prever os cartos para pagarlle a esta persoa e tamén se nega a reacomodar á funcionaria que actualmente ocupa a praza con outros cometidos modificando a RPT”.

“O PSOE, apoiado por BN e CxG, aprobou un orzamento que sabe que vai ter que sufrir múltiples modificaciones é que só utiliza para fins publicitarios cando o gasto real vai ter pouco que ver co que aí está escrito”, concluíu Del Río, “veremos na conta xeral en que se parece este documento á realidade”.

O BNG advertiu que os orzamentos municipais seguen sen prever ingresos pola ORA