O BNG acada un acordo unánime para rehabilitar o parque do Pasatempo de Betanzos e declaralo BIC

Xosé Luís Rivas afirmou que o parque  é unha mostra da historia  e patrimonio cultural de todos os galegos e galegas

O BNG acada un acordo unánime para rehabilitar o parque do Pasatempo de Betanzos e declaralo BIC

Xosé Luís Rivas afirmou que o parque  é unha mostra da historia  e patrimonio cultural de todos os galegos e galegas.

Compostela, 6 de novembro de 2018.- No debate da  proposición non de lei defendida hoxe  polo deputado, Xosé Luís Rivas, para  recuperar o Parque do Pasatempo de Betanzos e  axilizar o expediente para declaralo Ben de Interese Cultural, todas as forzas políticas amosaron a súa intención de apoiar a  proposta do BNG.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, María Antón Vila Sánchez anunciou o apoio ao  acordo co compromiso  para a  rehabilitación do pasatempo en colaboración coas distintas administracións  así como  axilizar o expediente a declaración BIC “reducindo na medida do posible os prazos de tramitación”:

O deputado asegurou que o pasatempo betanceiro,  herdanza dos irmáns García Naveira,  resulta  unha enciclopedia da época , deseñado a xeito de parque, onde o visitante non ten máis remedio que desfacerse en preguntas e por qués sobre a cultura universal  dentro dunha sociedade (finais do século XIX e primeiro terzo do XX), pechada e dominada pola relixión que  colaboraba na explotación mantendo a ignorancia e a submisión como principio universal.

Este lugar, dixo,  é memoria viva dunha etapa da historia deste noso País, oculta para as  xeracións presentes e  que  forma parte do Patrimonio betanceiro e tamén de todas as galegas e  galegos, “un  patrimonio cultural común imprescindible”, manifestou.

O Pasatempo  sufriu ao longo dos anos  múltiples mutilacións e  deterioro e na actualidade atópase nunha grave situación  tralo derrube  do mural do estanque ou  actuacións erráticas sobre o mural do barco de vapor no estanque do retiro aos que, o parlamentario  sumou as ameazas sobre o muro dos azulexos, o templete, o pavimento da illa e diversas  fendas estruturais na gruta da recoleta, posiblemente como consecuencia da presión que exerce a pasarela de ferro sobre ela. Ademais o deputado tamén alertou das consecuencias polas vibracións producidas polo tránsito rodado na nova estrada que ameaza a mellor parte conservada do Parque.

Rivas criticou a falta de interese do actual propietario do parque, o concello  de Betanzos, responsabilidade que estendeu as administracións competentes en materia de Patrimonio. O Concello, dixo o deputado  presentou  un anteproxecto de actuacións asinado por varios arquitectos e expertos en patrimonio xa no ano 2016, que urxía  actuar sobre problemas de filtracións, humidades, fendas e outras ameazas directas para a conservación do parque, como a estrada de circunvalación que discorre pegada a el, ou a pasarela de ferro que descansa sobre o muro que parcialmente se veu abaixo.

“O  proxecto taxaba en torno a 1,3 millóns de euros a rehabilitación do Pasatempo. Desa contía, a Deputación da Coruña comprometeu o pasado 23 de marzo, 598.998,40 euros que se destinarán ás obras de rehabilitación e o pasado  25 de setembro o Concello de Betanzos aprobou destinar 200.000 euros do remanente do anterior exercicio a estes mesmos traballos”.

 “Non valen desculpas. O parque non soporta máis desatinos que ocasionan deterioros irreparables” afirmou o nacionalista que volveu reclamar para o pasatempo a súa rehabilitación e  declaración como Ben de Interese Cultural.

A proposición non de lei defendida polo BNG será votada mañá no pleno do Parlamento galego.

O BNG acada un acordo unánime para rehabilitar o parque do Pasatempo de Betanzos e declaralo BIC