É o momento da unidade, só o pobo salva ao pobo

Desde o BNG presentamos ao goberno local unha batería de medidas para completar as que foi tomando desde o inicio da crise, que respaldamos mesmo antes do estado de alarma. Son propostas para loitar contra este virus e as súas consecuencias. Todo traballo é pouco e dende logo nós imos poñer todo o noso esforzo ao servizo da veciñanza de Betanzos.

É o momento da unidade, só o pobo salva ao pobo
#Quedanacasa
#Quedanacasa

A situación excepcional que estamos a vivir exíxenos estar á altura. Cremos que a nosa veciñanza demanda de nós altura de miras e propostas para entre todos vencer o coronavirus e a crise que trae consigo.

Desde o BNG presentamos ao goberno local unha batería de medidas para completar as que foi tomando desde o inicio da crise, que respaldamos mesmo antes do estado de alarma. Son propostas para loitar contra este virus e as súas consecuencias. Todo traballo é pouco e dende logo nós imos poñer todo o noso esforzo ao servizo da veciñanza de Betanzos.

Sabemos que o pobo galego é de natural solidario, que deceas de veciñas ofrecéronse para facer tarefas de voluntariado. Mais consideramos que debe coordinalo o Concello, para optimizar este esforzo e poder levalo adiante sen comprometer a seguridade e a vida de ninguén. Propuxemos crear un rexistro de voluntariado de profesionais (psicólogos, profesionais sanitarios desempregados etc. ) que poidan facer labores de atención e acompañamento telefónico a persoas maiores, soas ou necesitadas

Garantir as oportunidades de quen menos ten, mesmo agora é outra das cuestións esenciais, canda as necesarias medidas de limpeza e hixiene  para salvagardar a saúde pública. Por iso propuxemos buscar unha alternativa alimentaria ao alumnado con bolsa total no comedor escolar e mañanceiros. Ben levandolles o xantar  á casa ou a compra da alimentación para o alumnado que habitualmente recibe bolsas de comedor e xantar no colexio, garantir a súa alimentación.

Outro dos eixos son as medidas fiscais e económicas para paliar os dramas que está a motivar o coronavirus e que durarán no tempo. Propuxemos un plan para suprimir taxas e impostos municipais a persoas e empresas afectadas, ou  a posibilidade de axudas directas a persoas en estado de necesidade.

Nun duplo sentido, tanto tomando medidas cara a devolución de taxas e prezos públicos de servizos non emprestados efectivamente, de taxas como as de ocupación de vía pública por terrazas e comercios ou as de feiras e mercados, e  avaliar o cobro de taxas municipais como o de subministro de auga para garantir que ningunha persoa quede sen servizos por falta de ingresos para poder facer fronte aos pagos.

E garantir a pervivencia dun sector estratéxico para Betanzos como é o comercio, cun “mercado virtual” mediante unha listaxe web de comercios de primeira necesidade abertos e de produtores locais que fan envío ou reparto domiciliario. Obviamente para o día despois haberá que poñer en marcha todas as medidas precisas para amortecer o impacto desta crise ao alcance do Concello.

O goberno local sabe que conta co noso apoio para as medidas adoptadas até a data e o compromiso de aportar canto na nosa man estea, na medida dos nosos medios e posibilidades, para garantir a saúde da nosa veciñanza e buscar que esta crise teña o menor impacto posíbel na nosa veciñanza. Porque sairemos desta, mais no entanto, quedade na casa. Tempo teremos de apertarnos novamente!

É o momento da unidade, só o pobo salva ao pobo