Pór en valor o Pasatempo é cuestión de prioridades

Pór en valor o Pasatempo é cuestión de prioridades

O noso patrimonio está literalmente caendo a cachos. O derrubo parcial dun mural do Pasatempo deixa en evidencia o estado lamentábel de conservación da parte máis orixinal do noso patrimonio, precursora dos parques temáticos. Evidenciouse o desinterese do goberno local por conservar e pór en valor o Pasatempo. Nas súas primeiras declaracións, o goberno até sacaba importancia: xa se reconstruirá, dicía. Como o Casco Histórico ou a Casa Gótica.

Seis anos pasaron xa desde que o Pleno aprobara pedir á Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural para o Pasatempo, pero o goberno aínda non deu nin enviado a petición. Seis anos para redactar un escrito!

O Pleno do día 21 deixounos aínda peor sensación. Unanimidade sobre a necesidade de tomar medidas, pero o Pasatempo segue a caer. Cal foi a proposta do BNG? Un Pleno extraordinario para aprobar proxecto de rehabilitación e financiamento para a obra, renunciando ao paseo do Mandeo e usando eses cartos para o Pasatempo, sumándolle o Plan de Obras da Deputación (POS) e poñendo fondos do Concello no próximo orzamento. Pero BN, propoñente da moción, negouse a que se votase sequera a nosa proposta.

Poderíanse dedicar os cartos do paseo ao Pasatempo? Si. O paseo non se vai facer, porque o convenio caduca en novembro e non dá tempo a modificar o proxecto. A Deputación xa confirmou ao BNG que se poden investir os cartos noutro proxecto, coma o Pasatempo.

Gobernar é cuestión de prioridades e cremos que conservar o noso patrimonio debe ser a prioridade para Betanzos

Poderíase engadir a posta en valor do Pasatempo ao POS? Si, se o goberno (como afirmou en diferentes ocasións) ten un proxecto e só lle falta conseguir 1,3 millóns de euros. O problema é que agora din que non existe ningún proxecto, que só hai un informe cunha valoración de gastos.

Poderíase aprobar un orzamento cunha partida para o Pasatempo? Si, é só cuestión de interese. De feito, o BNG xa propuxo en 2016 achegar fondos para o Pasatempo, pero o PSOE e os que apoiaron o seu orzamento negáronse.

Nós temos unha proposta concreta, posíbel e realizábel. Fronte ás propostas de facer o máis urxente para evitar que o muro siga a caer e despois reunir comisións, facer informes e pedir colaboracións en abstracto nós defendemos actuar xa. Porque pensamos que temos que estar á altura da veciñanza que ven recollendo sinaturas e levando a cabo diferentes actuacións en defensa do noso patrimonio.

Gobernar é cuestión de prioridades, e no BNG cremos que conservar o noso patrimonio, resto da nosa historia e oportunidade para ter un futuro, debe ser a prioridade para Betanzos.


Artigo publicado no xornal "Betanzos e a súa comarca" en marzo de 2017