Rehabilitación no Casco Histórico, cuestión de investimento público

Temos claro cal é o espello no que temos que mirarnos como cidade: Pontevedra ou Allariz, con cascos históricos cheos de vida, habitados, rehabilitados e maiormente peonís que xeran traballo e benestar para todo o seu concello

Rehabilitación no Casco Histórico, cuestión de investimento público

Sen o Casco Histórico Betanzos sería calquera outro sitio. Pero non Betanzos. É o que conforma a nosa identidade, nos imprime carácter e nos define como cidade. É o noso maior atractivo turístico e o maior activo cultural, patrimonial e económico con que contamos. E debera ser, cremos no BNG, a locomotora que tire do desenvolvemento económico e social de Betanzos.

Malia isto, o abandono por parte dos gobernos local e galego, a falta de investimentos e a deixadez contribúen a acelerar o proceso de degradación que padece. Xunta e goberno local repróchanse mutuamente non facer nada na maior das nosas xoias. O goberno galego leva máis de seis anos para rehabilitar as dez casas que ten a caer no Casco Histórico e tan só actuará, tras anos de agarda, en tres. O goberno local abandonou os investimentos no corazón da cidade, limitándose a parches ocasionais, e promete ano tras ano que reconstruirá el a Casa Gótica, sen cumprir ningún ano as súas promesas.

É tal o grao de deixadez que o web da Oficina municipal de Rehabilitación está completamente obsoleta: remite a axudas e subvencións que caducaron hai anos e redirixe a páxinas que xa non existen. Por non ter, a oficina até carece de arquitecta. Desde 2012, en que acabou a última subvención entre Concello, Xunta e Estado para rehabilitar vivendas no Casco Histórico, o goberno local non destinou nada- nin cartos nin información- a quen teña unha casa na zona monumental e pretenda rehabilitala. 

Temos claro cal é o espello no que temos que mirarnos como cidade: Pontevedra ou Allariz, con cascos históricos cheos de vida, habitados, rehabilitados e maiormente peonís que xeran traballo e benestar para todo o seu concello. Por iso propuxemos que o Concello cree unha orde de subvencións á rehabilitación de vivendas no Casco Histórico e actualice e ofreza información a quen pretenda rehabilitar a súa casa. Porque por pouco que poida supoñer, será moito máis do que agora hai.


Este artigo foi publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca, que edita ACEBE-CCA, no seu número de agosto de 2017.