A Fábrica da Luz: ruína ou oportunidade

Desde o BNG propoñemos expropiar a fábrica da luz. O interese público é evidente: preservar o patrimonio, evitar un bloque de pisos enriba do río e crear na fábrica un complexo para goce da veciñanza: locais para asociacións, dependencias para actividade cultural, espazo de convivio.

A Fábrica da Luz: ruína ou oportunidade
A fábrica da luz desde A Galera

Fenosa ven de pedir licenza para botar abaixo a fábrica da luz da Ponte Nova, un dos edificios máis singulares do patrimonio betanceiro. Din que é por seguridade tras manter durante anos o edificio abandonado, sen que as administracións exixiran o seu amaño.

Levamos décadas pedindo a catalogación e protección deste inmoble a través de todo tipo de iniciativas, mocións, preguntas, rogos... O PSOE sempre os apoiou. Din estar comprometidísimos coa conservación do patrimonio. Pero non fixeron nada para protexelo.

Desde 1986 as normas de planeamento municipais prevén un bloque de pisos sobre a fábrica da luz. No 96 foron revisadas, pero manteñen o edificio sobre este ben modernista. O PSOE quere aí un bloque de pisos, a carón mesmo da ponte, en liña de marea, como fixo tamén na Ponte das Cascas. No Plan Xeral que foron incapaces de consensuar coa Corporación teimaron na torre de pisos até que viron que non sairía adiante, e retirárona como forma de obrigar ao Pleno a aceptar auténticas barbaridades.

Hai mes e medio mandaron, por fin, unha solicitude de catalogación como patrimonio industrial á Xunta. Tarde, mal e a rastro. Tarde, porque levamos anos demandando que se protexa a fábrica. Mal, porque Patrimonio reclamou máis documentación. A rastro, porque o goberno local pedira seguridade ante a fábrica á eléctrica, dándolle a escusa para botala abaixo.

É a mesma historia que a do resto do patrimonio betanceiro: plans pantasma que nunca chegan para o Pasatempo, xogos florais para un Casco Histórico que continúa o seu afundimento, pala para o Convento de Donas para facer un aparcamento, pala para a capela de San Paio para meter unha barbacoa... O patrimonio, que é o que pode poñer a Betanzos no mapa e basear o noso modelo de cidade, convertido nun problema por un goberno que non ten ideas e non sabe estar á altura do que os nosos devanceiros nos legaron.

Aínda non é tarde. Pero hai que actuar, deixarse de soflamas amorosas ao patrimonio e pasar aos feitos. Desde o BNG propoñemos expropiar a fábrica da luz. O interese público é evidente: preservar o patrimonio, evitar un bloque de pisos enriba do río e crear na fábrica un complexo para goce da veciñanza: locais para asociacións, dependencias para actividade cultural, espazo de convivio. Se nos resulta indiferente, se non nos movemos agora, despois non vale chorar mirando unha vella foto nalgún artigo do Anuario Brigantino e laiarnos do que se perdeu. Aínda podemos evitalo!


Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca, editado por ACEBE-CCA, no seu número de xuño de 2017

A Fábrica da Luz: ruína ou oportunidade