Emprego ou saúde: por que temos que elixir?

A emisión de fumes con partículas tóxicas, a chuvia de cinzas que tingue de negro as casas de Infesta ou o que se vai por un rego abaixo ata o Mandeo e a ría péganos a todas. Na saúde e no emprego.

Emprego ou saúde: por que temos que elixir?

Desde 1975 temos en Infesta unha factoría que, en nome dos postos de traballo, ven incumprindo a normativa ambiental, como dan por probado numerosas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Os estertores finais do franquismo autorizárona a verter directamente á ría e así seguiu durante décadas, mesmo sen autorización, impunemente. O mesmo TSXG tamén considerou probado que eliminou, queimando, residuos tóxicos doutras empresas. Por outro presunto delito ambiental, a Fiscalía de Medio Ambiente ten aberto unha causa que se suma ás innumerábeis que os operarios da fábrica tiveron que abrir por represión sindical ou por denunciar intoxicacións nos seus postos de traballo.

É un tema tabú. Os postos de traballo son a moeda de cambio e presión cada vez que alguén exixe aos gobernos que obriguen a cesar as emisións de fumes contaminantes ou da cinza que cubre os núcleos próximos. En nome deses empregos o goberno local do PSOE nunca actuou obrigando a cumprir cos requisitos que a outras firmas, máis pequenas, si exixe. En nome deses postos de traballo a Xunta do PP leva insuflando cartos de todas á empresa, mesmo para subvencionar programas de innovación ambiental!

Pero realmente neses postos de traballo os empregados denuncian intoxicacións, accidentes por incumprir a normativa,... Así que, a defensa deses postos de traballo pasa, non por pregarse ás presións da empresa, senón por exixir o cumprimento das leis e garantir traballo digno e seguro e o dereito á nosa saúde.

Porque aí si que nos doe a todas directamente. A emisión de fumes con partículas tóxicas, a chuvia de cinzas que tingue de negro as casas de Infesta ou o que se vai por un rego abaixo ata o Mandeo e a ría péganos a todas. Na saúde e no emprego, porque impide crear emprego na ría e no agro. En balde pedimos que o Concello se persoase nas causas abertas para poder saber que hai nesas emisións. Ou que a Xunta obrigase a evitar vertidos, primeiro á ría, logo ao aire. Aféctanos a todas, non podemos ceder.

“Non hai cereixas en Betanzos desde que está Tradema”, todas escoitamos isto cen veces. Vai sendo moita hora de asumirmos o que dicía o Xefe Seattle, “a terra non pertence ás persoas, son as persoas ás que pertencen á Terra”.


Artigo publicado orixinalmente no xornal "Betanzos e a súa comarca" no mes de decembro de 2017.