O Concello ten que actuar diante dos recortes no centro de saúde do Carregal

Pensamos que o Concello de Betanzos ten que, dunha vez, tomar cartas no asunto e demandar de xeito contundente ao  PP que remate con estes recortes nun servizo público básico como é a sanidade e que contrate o persoal necesario para dar un servizo de calidade e evite as interminábeis listas de agarda e os colapsos.

O Concello ten que actuar diante dos recortes no centro de saúde do Carregal

Neste verán que está a piques de rematar repetíronse e agraváronse os problemas no centro de saúde do  Carregal para a atención de especialidades en determinados servizos como os de pediatría,  matrona ou xinecoloxía, debido aos recortes na contratación de persoal sanitario do goberno galego do PP.  O centro de especialidades do Carregal dá servizo ademais de ao noso concello a outros da nosa comarca como Aranga, Coirós, Irixoa e Paderne, polo que a falta de persoal sanitario para cubrir as baixas e as vacacións provoca que se colapse o sistema en toda a comarca e polo tanto que se retrasen as citas durante meses ou que a nosa veciñanza sexa derivada á Coruña. 

O grupo parlamentar do BNG leva anos solicitando, nas emendas aos orzamentos da Xunta, que se incrementen os fondos para contratar persoal no centro de saúde do Carregal e tamén nos restantes da comarca, que na maioría dos casos contan cun pediatra compartido para varios concellos como é o caso de Abegondo, Oza e Cesuras ou Miño e Paderne. Isto, como vimos insistindo desde hai anos, provoca que a veciñanza da nosa comarca e de Betanzos teña que desprazarse, cun transporte público precario na maioría dos casos ou mesmo inexistente, para recibir a atención sanitaria na Coruña, co colapso dos servizos sanitarios na cidade e as listas de agarda e horas interminábeis en urxencias que todas sufrimos. 

No mes de xullo no BNG trasladamos novamente ao Pleno estes problemas, unha vez que os propios traballadores nos denunciaron que a xerencia de xestión integrada da Coruña tiña a intención de non substituír a ningún medico de familia, nin a ningún pediatra durante as súas vacacións.

A moción foi aprobada polo Pleno, mais descoñecemos se o goberno local fixo algunha demanda á Xunta para que cubrira as vacacións de persoal e evitar esta situación. Pensamos que o Concello de Betanzos ten que, dunha vez, tomar cartas no asunto e demandar de xeito contundente ao  PP que remate con estes recortes nun servizo público básico como é a sanidade e que contrate o persoal necesario para dar un servizo de calidade e evite as interminábeis listas de agarda e os colapsos.


Este artigo foi publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca, no seu número de setembro de 2017.