CIEC e Concello: erros do pasado e mudanzas necesarias

CIEC e Concello: erros do pasado e mudanzas necesarias

Hai 20 anos o Concello puxo o 70% dos fondos para crear a Fundación CIEC. Malia poñer a maioría do capital, o Concello ten un único voto no padroado, mentres Jesús Núñez ten a maioría, a través de familiares e achegados. Desde o inicio son eles os que dirixen o CIEC como a súa propiedade particular, o que impide ao Concello influír ou coñecer o que se fai nela, e máis cando o goberno do PSOE renuncia a asistir ás reunións do Padroado. Porén, o Concello seguiu poñendo cartos públicos, primeiro obrigando as empregadas municipais a ir traballar á Casa Núñez e logo a través de subvencións a dedo.

Hai algo máis dun ano Jesús Núñez ofreceu ao Concello a Casa Núñez e a súa colección pictórica (ambas do artista), a cambio dunha renda mensual vitalicia de 3000 € para el e súa dona, de manter de director ao sobriño até a xubilación, manter cadro docente e padroado e investir 250000 €/ano no centro, entre outras. No padroado, o Concello seguiría a ter un único voto por varios de parentes e achegados do artista (o exconcelleiro do PSOE Pachico entre eles). Tales condicións permiten entender por que din que a fundación está nunha situación económica crítica.

Por outro lado, o CIEC ten un proxecto desligado da vida cultural de Betanzos e a comarca, de cóstas á cultura do país (o uso do galego é boa mostra) e sen vínculo coa cultura de base. Ten un museo cunha colección enorme, mais só se sabe da Casa Núñez, non do seu interior, e é por algo. Boa proba do divorcio entre a cultura local e un centro para unha pretendida elite cultural é que tras 20 anos de axudas públicas non conseguiron formar grandes gravadoras na nosa comarca.

No BNG propomos daquela que o CIEC estreite lazos e vencellos coa cultura de Betanzos e do país. Que sexa o motor para a actividade cultural da comarca e colaborando con entidades que traballan na cultura de base. Que respecte o idioma. E que se sostemos cos nosos impostos esta entidade, que sexan as institucións públicas as que o controlen e teñan capacidade para decidir.

Non se trata de cuestionar a obra dun artista. Trátase de defender unha alternativa para a xestión cultural en Betanzos. Por este motivo, en decembro votamos en contra de darlle barra libre ao alcalde para seguir metendo cartos de todas nesta entidade a cambio de nada.


Artigo publicado no xornal "Betanzos e a súa comarca" en xaneiro de 2017