A Xunta do PP non cubre baixas e permisos no centro de saúde como se as enfermidades entendesen de festas e vacacións

"Así é imposíbel pretender que aldeas e vilas teñan xente, ou que o país teña xente nova cando se negan servizos esenciais para atendela"
A Xunta do PP non cubre baixas e permisos no centro de saúde como se as enfermidades entendesen de festas e vacacións

Padecemos desde hai anos un crecente deterioro da sanidade pública, froito dos reiterados recortes orzamentarios do goberno do PP na Xunta. Afectan desde anos atrás ao persoal e ao estado das infraestruturas, e estas dúas, á vez, inciden moi negativamente na calidade da atención, como demostran as queixas continuas que trasladamos aos Plenos e das que nos fixemos eco nos últimos anos.

Os recortes na nosa comarca veñen de lonxe. Desde o ano 2012 vimos advertindo do recorte no servizo de pediatría no centro de saúde do Carregal. Nos últimos anos, e este ano outra vez, a Consellaría decidiu non cubrir as vacacións, permisos, baixas e licenzas do persoal. Isto obriga aos restantes médicos a asumir a atención dos pacientes que quedan sen médico ou a derivalos a outros centros de saúde ou ao materno á Coruña, colapsando o servizo. 

non temos que resignarnos a ir botar horas ao hospital á Coruña con cousas que poden ser doadamente atendidas nos nosos concellos

Acontece nos restantes servizos, tanto no de matrona e de xinecoloxía, en saúde mental ou medicina familiar. En todas as especialidades do centro do Carregal e en todos os consultorios da comarca. Como se as doenzas entenderan de vacacións, obrígase ás nosas veciñas a unha peregrinaxe polos centros de saúde da comarca: estes días, ao non haber pediatra en Miño, mandábante a Bergondo porque o centro de Betanzos estaba sobrepasado. Non é unha anécdota, é a realidade cotiá. Obrigados a ir á mínima a colapsar máis as urxencias do CHUAC con cousas que terían doada solución de termos a atención sanitaria que merecemos.

así é imposíbel pretender que aldeas e vilas teñan xente, ou que o país teña xente nova cando se negan servizos esenciais para atendela

Vimos demandando desde hai anos que a Xunta cubra o persoal, os seus permisos, baixas e vacacións. Algo ao que o PP se nega, manipulando cifras de listaxes de agarda e estatísticas, como se con iso desaparecesen carencias no centro de saúde de Betanzos. Porque a atención primaria non lle é rendíbel para privatizar servizos, e apágaa de a pouco.

Temos dereito a ter un servizo sanitario público de calidade. Porque estamos pagándoo cos nosos impostos, que se perden en cousas menos necesarias. Porque así é imposíbel pretender que aldeas e vilas teñan xente, ou que o país teña xente nova cando se negan servizos esenciais para atendela. Porque non temos que resignarnos a ir botar horas ao hospital á Coruña con cousas que poden ser doadamente atendidas nos nosos concellos.


Artigo publicado orixinalmente en Betanzos e a súa comarca, no núemro de agosto de 2019.