Só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais

Este ano, que se cumpren 550 anos do remate da Revolución Irmandiña, é o momento de empezar a celebrar a nosa verdadeira historia, porque só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai.

Só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais
O BNG presentou as súas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval cun photocall no que aparecen María Balteira, Fernán Martíns e Xoán Branco
O BNG presentou as súas propostas para mellorar a Feira Franca Medieval cun photocall no que aparecen María Balteira, Fernán Martíns e Xoán Branco

A Feira Franca Medieval naceu como unha festa de recreación histórica do pasado medieval de Betanzos e buscaba ser un escaparate que mostrase a toda a Galiza o atractivo do noso patrimonio material e inmaterial. Por desgraza converteuse nun mercado medieval máis, sen ningunha diferenza cos moitos que proliferan nos veráns por todo o País. Esta falta de singularidade está a provocar que a afluencia e a participación vaia a menos ano tras ano.

Como darlle a volta a isto? O impulso ha de vir pola recuperación da nosa singularidade, vinculando a festa coa historia e o patrimonio medieval de Betanzos. A maioría dos mercados medievais están organizados por un par de empresas que trasladan postos, vendedores, ambientación e actuacións dun concello a outro, nun circuíto pechado que dura a tempada estival. Facermos algo diferente dependerá da participación veciñal no deseño e desenvolvemento da Feira.

Desde hai ben anos, as propostas do BNG defenden que a Feira Franca reflexe a Historia de Betanzos e do País, evitando os "inventos" e os tópicos, porque pensamos que é a única garantía da pervivencia e calidade da festa, alén da moda dos mercados medievais.

A programación da feira ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media. Betanzos foi sé de corte real do Reino de Galiza. Betanzos foi unha cidade que levantaron a pulso os gremios de artesáns, non os cabaleiros. Prateiros, ferreiros, mariñeiros, labradores, xastres, zapateiros, ferradores... aínda hoxe en día manteñen a súa pegada no rueiro e noutros sinais de identidade. Non é casual. Foron os que construíron esta cidade.

Canda eles, trobeiros como Pero Amigo de Sevilha ou Pero de Ambroa, Fernán Martíns, autor da Crónica Troiana, Santo Toribio de Astorga, os líderes irmandiños Alonso de Lanzós ou Afonso de Carvalhido ou o capitán, alcalde irmandiño e notario Xoán Branco, ao que Betanzos debe voto en Cortes, Feira Franca e título de Cidade, María A Balteira ou Dona Urraca son algúns nomes dunha cidade que era cabeza do Reino. En definitiva, a historia desta cidade é moito máis que o tópico dunha corte con princesas e torneos.

Este ano, que se cumpren 550 anos do remate da Revolución Irmandiña, é o momento de empezar a celebrar a nosa verdadeira historia, porque só apostando polo propio poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai.


Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca en xullo de 2019