A ría, a seguridade viaria, o antigo ambulatorio e a importancia de ter representación propia

As deputadas da provincia da Coruña no Congreso (de PSOE, PP e Podemos-Marea) falaron sobre Cataluña, Venezuela ou comisarías en Sevilla. Pero non esixiron fondos para que ría de Betanzos deixe de ser un sumidoiro ou a cesión do antigo ambulatorio e abrir un centro de día ou para mellorar a seguridade viaria da Angustia á Ponte Vella.

A ría, a seguridade viaria, o antigo ambulatorio e a importancia de ter representación propia

O 28 de abril temos eleccións xerais e temos a oportunidade de recuperar a representación, porque o que nos deixa de balance esta lexislatura é que Galiza sempre pode esperar, e ser a última carta da baralla. No Congreso falouse moito de Cataluña pero pouco o nada dos nosos problemas. As deputadas elixidas nas provincias galegas esqueceron o país que as puxo alí. Olvidaron os problemas de Betanzos e da nosa comarca.

As deputadas da provincia da Coruña no Congreso falaron sobre Cataluña, Venezuela ou comisarías en Sevilla. Pero non esixiron fondos para que ría de Betanzos deixe de ser un sumidoiro ou a cesión do antigo ambulatorio e abrir un centro de día ou para mellorar a seguridade viaria da Angustia á Ponte Vella. PSOE e Podemos-Marea pactaron e quixeron vendernos por bos uns orzamentos do Estado que olvidaban este País e esta comarca e nos condenaban a agardar máis aínda por un tren de proximidades ou as tan prometidas obras para mellorar a seguridade viaria na N VI que atravesa toda a nosa comarca. 

O cambio de inquilino na Moncloa, non foi máis que unha mera alternancia para manter novas subas nas peaxes da AP9, a negativa a unha tarifa eléctrica galega. Viñamos dos recortes do PP e pasamos a unhas contas do PSOE, pactadas con Podemos e En Marea, cos investimentos máis baixos dos últimos 17 anos. Unha vez máis, Galiza perde e a nosa comarca segue perdendo mentres outros avanzan.

Para acabar con ese centralismo que nos ningunea, para deixar de ter as pensións máis baixas de todo o Estado e para tomar medidas que permitan que a nosa mocidade deixe de emigrar en busca dun futuro e dunha estabilidade que aquí non pode ter. Para que Betanzos e a nosa comarca, que é tremendamente rica tanto a nível dos sectores produtivos como do patrimonio cultural ou natural, poida medrar precisamos dunha forza política propia que poña enriba da mesa os nosos problemas, que fale de nós. Esa forza política é o BNG.

Porque o 28 de abril é unha oportunidade para poder termos voz novamente as galegas no Congreso dos Deputados, as portas do Bloque están abertas a todas as persoas, colectivos e movementos que queren forzas propias capaces de  defender os dereitos  socias e nacionais dos galegos e das galegas. No proxecto común do BNG hai sitio para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón.


Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca no seu número de marzo de 2019.

A ría, a seguridade viaria, o antigo ambulatorio e a importancia de ter representación propia