Propostas diferentes para un comercio vivo

Un banco de locais, co Concello funcionando á vez como intermediador entre uns e outros, pero tamén como avalista que supón, nun momento crítico,  dar garantías, confianza e seguridade a propietarias e comerciantes.



 
Propostas diferentes para un comercio vivo

Non sabemos como será o mundo despois desta pandemia. Demasiadas incertezas. Pero sabemos que o comercio é un sector estratéxico para Betanzos, e que temos que botar o resto para defendelo. Polos postos de traballo e a riqueza que aporta e por todos os beneficios que a todas nos dá termos as rúas vivas.

Por iso, desde o primeiro momento desta crise tivemos un ollo posto en como blindar unha das nosas máis importantes fontes de riqueza. Afinar propostas que garantan que o sector sae o mellor parado posíbel e darlle armas para poder competir diante doutros tipos de comercio- electrónico ou grandes superficies. Porque, precisamente, agora que hai que apostar por espazos abertos, ventilados, sen masificacións, o pequeno comercio ten unha oportunidade fronte ás grandes áreas comerciais.

Así, propuxemos á Xunta poñer en marcha axudas para autónomas por valor de 2.000 € nun pago único e reverter as medidas de liberalización- en descontos ou horarios- que só benefician ás grandes superficies comerciais. Suprimir o pago do alugueiro ou das cotas da hipoteca durante o período non traballado e aplicar unha quita do 50% nos tres meses seguintes á reapertura, que poidan solicitar todas as autónomas que sufran unha caída do 50% na súa facturación mensual.

No Congreso pedimos que se condonen cotas da Seguridade Social durante os meses que o negocio permaneza fechado e, unha vez que sexa reaberto, estabelecer unha cota reducida que permita o sostemento da actividade. E tamén a suspensión dos pagamentos de alugueres, porque non é viábel agora afrontar gastos fixos, cotas, salarios e a manutención da familia.

No Concello tamén se pode facer moito. Impulsar o centro comercial aberto para potenciar todas as vantaxes que ofrece unha rúa comercial preparada para pasear sen présa. Con políticas de atracción de clientela e bonos de estacionamento.

Completalo cun mercado virtual, que vimos defendendo estes últimos meses: unha plataforma en internet que centralice vendas e reparto a domicilio para pequeno comercio, artesáns e produtores locais. A lóxica das grandes superficies, ao servizo dos máis pequenos.

E creando un banco de locais comerciais, que garanta aos comerciantes o seu local de negocio, e aos propietarios dos baixos a súa renda. Co Concello funcionando á vez como intermediador entre uns e outros, pero tamén como avalista que supón, nun momento crítico,  dar garantías, confianza e seguridade a propietarias e comerciantes.


Artigo publicado orixinalmente en Betanzos e a súa comarca, no seu número de maio de 2020

Propostas diferentes para un comercio vivo