Pediatria, ensino, sanidade.... para cando a Xunta do PP nos tratará como galegas de primeira?

É lamentábel ver como Xunta e goberno local corren a culparse mutuamente, esquecendo as súas obrigas co mantemento do centro para ofrecer un ensino público de calidade. Porque mentres se descualifican mutuamente, as cativas padecen as deficiencias do centro, sen que nin PSOE nin PP, nin goberno local nin Xunta, parezan ter como prioridade solucionar.
Pediatria, ensino, sanidade.... para cando a Xunta do PP nos tratará como galegas de primeira?
A nota no centro de saúde do Carregal
A nota no centro de saúde do Carregal

Desde a volta do Nadal estamos sen pediatría pola tarde no ambulatorio do Carregal. O PP limita o atendemento das  crianzas ao horario de mañá, complicando ir ao pediatra e impedindo a conciliación a un bo número de conveciñas. Se é a antesala á retirada definitiva do servizo, como o PP quixo facer en Verín e a presión veciñal fixo rectificar, só Feijóo o sabe.

Durante as vacacions de Nadal xa quedaramos sen atendemento médico cando algunha facultativa collía permisos ou vacacións. Tamén en verán. Acontece co servizo de matrona, xinecoloxía, recorte no horario de raios, ... A negativa do PP a contratar persoal tradúcese en peor atendemento para todas nós. 

Nas Mariñas, ao parecer, non temos dereito a ter os mesmos servizos que un veciño dun barrio calquera da Coruña. Obrigadas a peregrinar polos centros de saúde da comarca ou a colapsar as urxencias hospitalarias con cousas que, de ter persoal abondo, tiñan solución aquí.
O asunto repítese noutros servizos públicos. Vïmolo estes días coa inundación do comedor do aulario de infantil. Un edificio de apenas seis anos mete auga ao interior polo tellado. Hai pouco máis de dous meses fora nunha aula. O curso pasado, tamén no comedor. 

A resposta da Xunta e do goberno local foi descualificarse mutuamente. O goberno local anunciou que atopaba deficiencias no edificio. A Xunta denunciaba a presenza de atoamentos nas baixantes do tellado, recordando que o mantemento do colexio é cousa do Concello. 

É lamentábel ver como Xunta e goberno local corren a culparse mutuamente, esquecendo as súas obrigas co mantemento do centro para ofrecer un ensino público de calidade. Porque mentres se descualifican mutuamente, as cativas padecen as deficiencias do centro, sen que nin PSOE nin PP, nin goberno local nin Xunta, parezan ter como prioridade solucionar.

Poderiamos seguir a lista cun conservatorio municipal sen docente nunha asignatura durante máis dun curso escolar, ou cun goberno local que convoca as bolsas de material escolar do curso 2019-2020 cando vai máis dun trimestre de curso escolar.. Iso si: o PP anuncia leis de impulso demográfico e o PSOE campañas e plans xerais especulativos para gañar poboación mentres anuncia actividades exclusivamente para persoas empadroadas en Betanzos. Mais, sen emprego de calidade no municipio e cuns servizos públicos tan pobres, para quen?


Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca no seu número de febreiro de 2020