Temos as propostas precisas, as ideas claras e un proxecto que é o que Betanzos precisa para saír do estancamento

Se quen combatiu e ridiculizou durante anos as nosas propostas acabou por facelas propias será, precisamente, porque son as que Betanzos precisa para avanzar

Temos as propostas precisas, as ideas claras e un proxecto que é o que Betanzos precisa para saír do estancamento
BNG; Betanzos;
17-novembro-2018;
Vanesa Rey, Amelia Sánchez, María Bonome, Salvador González e Henrique del Río

Vivimos nunha cidade abandonada. Cun goberno sen ideas e sen máis proxecto que seguir no poder a costa do que sexa. Cae o patrimonio, empeoran os servizos públicos, emigra a xente, retrocedemos en todos os indicadores sociodemográficos. Betanzos afunde un pouco cada día, sedada, para que non se decate do que acontece entre festas e celebracións. 

Vimos de catro anos nos que os únicos cambios, o único positivo para a veciñanza, veu precisamente das propostas do BNG. De propostas que levamos anos defendendo en solitario. Como a paralización do aberrante paseo que quería levarse por diante o único tramo virxe do Mandeo que nos queda, a rehabilitación do Mosteiro de Donas ou a protección da Fábrica da Luz.

Se quen combatiu e ridiculizou durante anos as nosas propostas acabou por facelas propias será, precisamente, porque son as que Betanzos precisa para avanzar

Se quen as combateu durante anos acabou por facelas propias será, precisamente, porque son as que Betanzos precisa para avanzar. E demostra que o BNG está preparado para o reto de gobernar Betanzos. Temos as propostas precisas, porque temos as ideas claras, un proxecto no que levamos moitos anos traballando.

Estamos convencidas de que o que fai diferente a Betanzos é o patrimonio -cultural, histórico ou natural- e que ese patrimonio é a locomotora que tirará do noso futuro. Defendemos desde hai anos que facer unha aposta estratéxica por el e aproveitar a nosa situación xeográfica é o que creará emprego e conseguirá que Betanzos volva a medrar e a ser unha boa vila na que vivir e traballar. fixémolo en Allariz ou Pontevedra, con múltiples recoñecementos, e podemos facelo tamén en Betanzos.


Entender que o patrimonio é o que fai diferente Betanzos, acabar cos abusos das concesionarias e asumir o rol de cabeceira comarcal que a cidade debe desempeñar, ideas claras para gañarmos un futuro de prosperidade

Acabar cos abusos das concesionarias dos servizos privatizados, centrar a prioridade na calidade das prestacións á veciñanza e non en que lle saian máis baratas ao Concello é outra demanda histórica do BNG. Así conseguimos acabar coa ORA, botar luz sobre a tomadura de pelo da concesión do Complexo San Roque e iniciar o camiño para recuperar a traída ou para acabar coa situación bochornosa do servizo de axuda no fogar. Ou reclamar un imprescindíbel centro de día público no antigo ambulatorio. Son propostas que levamos defendendo lustros e que agora asume como propias quen as combateu, bloqueou ou ridiculizou. 

E asumir que Betanzos é unha cabeceira comarcal que ten que poñer en común servizos coa súa comarca natural. Podemos ser a cabeceira da nosa propia comarca e parte da área metropolitana da Coruña. 

Ese é o reto. Temos as propostas e as ideas claras. Betanzos pode saír adiante, mais non con resignación como leva anos facendo o actual goberno senón apostando polo propio, polo que nos fai diferentes. Estamos preparadas para logralo.


Artigo publicado orixinalmente no número de xaneiro de 2019 do xornal Betanzos e a súa comarca
 

Temos as propostas precisas, as ideas claras e un proxecto que é o que Betanzos precisa para saír do estancamento