Temos que actuar xa sobre o noso patrimonio, a nosa oportunidade de futuro

No BNG defendemos que hai que decidir, que hai que actuar. É hora de abandonar os anuncios e as promesas multimillonarias, de prometer plans que nunca a nada chegan e aparcar as escusas e actuar. De poñer cartos do orzamento municipal para rehabilitar en lugar de estragalos en orquestras, de crear axudas a quen queira amañar vivenda no Casco Histórico e de buscar financiamento baixo das pedras cun proxecto claro e definido. Ter claro se queremos ir indo a menos ou semellarnos a Allariz.

Temos que actuar xa sobre o noso patrimonio, a nosa oportunidade de futuro

A Xunta ven de anunciar que mercará 10 casas máis no Casco Histórico. Tamén anunciou que en breve sacará a contratación a rehabilitación das 8 que ten a caer aínda, desde hai máis de 6 anos. En 2010, tamén un ano antes das eleccións municipais a daquela alcaldesa do PP María Faraldo paseaba polo Casco Histórico anunciando investimentos millonarios na compra de vivenda para unha actuación de rehabilitación exemplar. O mesmo PP, que segue gobernando hoxe na Xunta de Galiza, de novo un ano antes das municipais volve a anunciar a investimentos millonarios no noso Casco Histórico. A historia repítese.

Mentres se producen todos estes multimillonarios anuncios con cartos de todas, o Casco Histórico segue o seu proceso de deterioro, axudado desde hai décadas pola parálise, a deixadez e a falta de interese duns e doutros, agás nas campañas electorais. O noso patrimonio, no mellor dos casos, convertido nunha fonte de mercadeo de votos, e no peor, nun problema, como nos repiten cada vez que teñen ocasión os responsábeis do goberno local nos medios de comunicación.

Un problema porque sobre o patrimonio hai que tomar decisións, hai que actuar, e o goberno do PSOE non está disposto a facelo. Porque leva décadas seguindo a doutrina de que se non fas nada, non molestas a ninguén e ninguén pode estar en desacordo. E así leva 7 anos sen tomar decisións sobre a mobilidade no Casco, cunha ordenanza en vigor que non cumpre, pero que tampouco modifica porque tomar decisións é un problema.

Betanzos ten que ter claro se queremos seguir indo a menos ou semellarnos a Allariz

Así levamos 10 anos sen facer nada pola Casa Gótica, pese aos continuos anuncios de rehabilitación. Así levamos un ano desde o derrubo do muro do Pasatempo sen tomar ningún tipo de medida para evitar novos danos. Así seguen a caer a fábrica da luz ou o mosteiro das Cascas.

Pois ben, no BNG defendemos que hai que decidir, que hai que actuar. É hora de abandonar os anuncios e as promesas multimillonarias, de prometer plans que nunca a nada chegan e aparcar as escusas e actuar. De poñer cartos do orzamento municipal para rehabilitar en lugar de estragalos en orquestras, de crear axudas a quen queira amañar vivenda no Casco Histórico e de buscar financiamento baixo das pedras cun proxecto claro e definido. Ter claro se queremos ir indo a menos ou semellarnos a Allariz.

Porque o noso patrimonio non é fonte de mercadeo de votos nin un problema. O noso patrimonio é testemuña do noso pasado, fonte de coñecemento de quen somos e de onde vimos. E a nosa maior oportunidade de futuro.

 


Artigo publicado orixinalmente no xornal mensual Betanzos e a súa comarca, que edita ACEBE-CCA, no seu mes de marzo de 2018.