Aniversarios, festas e dispendio económico

De verdade era necesario todo este gasto? Toda esta publicidade? Vídeos, calendarios e fotos, moitísimas fotos do goberno local en todo tipo de poses. Un festivo local en medio de semana, a costa do Entroido, que poucas poderán gozar. Mentres esta mesma semana caeron dúas casas do Casco Histórico. O Pasatempo segue pechado polo seu estado de avanzado deterioro. A fábrica da luz segue a caer. Os barrios e parroquias completamente abandonados. O antigo ambulatorio pechado e seguimos sen xeriátrico, nin centro de día.

Aniversarios, festas e dispendio económico
bng (195)
bng (195)

O día 13 deste mes Betanzos celebra o 800 aniversario do seu traslado desde Tiobre. Supoñemos que xa todas o sabedes porque despois dun contador (de 3200 euros!) instalado na praza do Concello, un calendario enviado a todas as casas, un sen fin de eventos propagandísticos e notas de prensa coas lotarías, os concertos e as diferentes celebracións e mesmo un stand propio en Fitur -ao que por certo acudiron 5 dos 7 concelleiros do goberno local- parece imposíbel que alguén, xa non en Betanzos senon nas comarcas limítrofes, non o saiba. 

Cada vez que vemos algún novo encargo publicitario ou gasto protocolario, que seguro que aínda queda a gran traca final, cando menos até o 26 de maio, día das eleccións municipais, pensamos se, de verdade, era necesario todo isto. É dicir, a filla cumpre 10 anos, quere unha festa coas amigas, con bocadillos de nocilla e lambetadas, e unha bici nova de regalo, pero facémoslle unha festa de etiqueta, con cátering de luxo e agasallámola cun Picasso que nin quere nin aprecia. E sen as amigas. Ten lóxica celebrar o aniversario de Betanzos sen as betanceiras? 

De verdade era necesario todo este gasto? Toda esta publicidade? Vídeos, calendarios e fotos, moitísimas fotos do goberno local en todo tipo de poses. Un festivo local en medio de semana, a costa do Entroido, que poucas poderán gozar. Mentres esta mesma semana caeron dúas casas do Casco Histórico. O Pasatempo segue pechado polo seu estado de avanzado deterioro. A fábrica da luz segue a caer. Os barrios e parroquias completamente abandonados. O antigo ambulatorio pechado e seguimos sen xeriátrico, nin centro de día. Sen biblioteca infantil e coa radio pechada. Cos servizos municipais en precario, como se evidenciou este mes cos problemas de persoal do conservatorio ou a situación que arrastra o servizo de axuda no fogar. 

Mentres Betanzos está un pouco máis descoidada cada día, mais para o 800 aniversario non reparamos en gastos. Non hai para pan, pero veña estampas. De verdade era necesario todo isto?


Artigo orixinalmente publicado no número de febreiro de 2019 do xornal "Betanzos e a súa comarca"
 

Aniversarios, festas e dispendio económico