Un futuro para o parque do Pasatempo

Un futuro para o parque do Pasatempo
Amelia Sánchez
Amelia Sánchez

En febreiro de 2017 comezaba a última fase no triste e lento declive do Pasatempo, un dos signos de identidade de Betanzos, tras anos de abandono por parte do goberno local do PSOE e dos cuestionables dispendios dos tempos do goberno local do PP. Nese mes derrubábase parte do muro do Estanque da Gruta e iniciábase, xunto á fase de ruína acelerada, unha longa historia de despropósitos e falsas promesas.

En todo este tempo asistimos ao deterioro do parque, coa caída de parte do templete e dos muros do Estanque do Retiro, mais tamén fomos testemuñas da utilización partidista do Pasatempo.

O 13 de febreiro de 2019 o presidente da Xunta de Galiza comprometíase a rehabilitar o parque nunha visita á nosa cidade. Esta promesa chegaba despois da aprobación por unanimidade de senllas iniciativas do BNG no Parlamento de Galiza. Tanto o compromiso de Feijoo como as iniciativas parlamentares quedaron niso, en boas palabras que nunca se traduciron en fondos económicos.

Mais a listaxe de agravios non remata aquí. En marzo de 2017 o goberno local negouse a investir o medio millón de euros que pretendía destinar ao paseo cara aos Caneiros no parque. Malia ter o visto bo da Deputación se optaba por cambiar o destino deses cartos que finalmente perdeu. En decembro dese mesmo ano, a Corporación aprobou (co único voto en contra do concelleiro do BNG) investir os máis de 260.000 euros do POS da Deputación na restauración da pasarela que comunica a parte histórica coa moderna (unha pasarela que hoxe segue en cuestión polo dano que supón para os muros do Estanque da Gruta).

A realidade é que a día de hoxe só existe un investimento real na rehabilitación do noso Pasatempo e é o da Área de Patrimonio da Deputación.

No BNG seguimos a soñar cun Pasatempo rehabilitado, vivo e visitábel. Seguimos a imaxinar o momento en que as nosas fillas poidan desfrutar do Retiro, das covas ou do león colosal. E por iso mesmo, seguiremos a loitar porque haxa un investimento efectivo no parque: levaremos máis unha vez unha iniciativa ao Parlamento de Galiza para que, dunha vez por todas, o Pasatempo recupere o seu esplendor e se converta (de novo) no elemento dinamizador que a nosa comarca necesita. Abondan as escusas, debémosllo ao noso pasado, mais tamén ao noso futuro.

Un futuro para o parque do Pasatempo