AS NACIONALISTAS LEVARÁN O TEMA NOVAMENTE AO PARLAMENTO PARA EXIXIR DA XUNTA QUE POÑA FIN A ESTA SITUACIÓN.

Volvemos denunciar a falta de facultativos no centro de saúde do Carregal

A nota no centro de saúde do Carregal
A nota no centro de saúde do Carregal

“Pedímoslle á veciñanza afectada que ao rematar as súas consultas presente unha queixa ao SERGAS para poñer en evidencia que hai un problema pola falta de médicos”

Volvemos denunciar a falta de facultativos no centro de saúde do Carregal

“Pedímoslle á veciñanza afectada que ao rematar as súas consultas presente unha queixa ao SERGAS para poñer en evidencia que hai un problema pola falta de médicos”

As nacionalistas levarán o tema novamente ao Parlamento para exixir da Xunta que poña fin a esta situación.

Betanzos, 15 de outubro de 2019. O  BNG denunciou novamente as consecuencias que sobre as persoas usuarias está a ter a negativa da Xunta a cubrir as vacacións do persoal do centro de saúde. “O SERGAS non cubre a ausencia dun facultativo que estará de vacacións até o 18” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Por unha decisión da xerencia de atención primaria”, abunda.

Segundo varias notas colocadas no centro de saúde, até “tres médicos non substituídos” se acumulan no ambulatorio do Carregal. Nelas, pídense desculpas polas “demoras que poidan producirse alleas ao persoal médico asistencial”.

“Pedímoslle á veciñanza afectada que ao rematar as súas consultas, no centro de saúde ou desde casa, presente unha queixa ao SERGAS”, explica Henrique del Río. “A queixa deixará en evidencia que hai un problema pola falta de médicos e axudará ás profesionais do centro de saúde para poder atendernos mellor a todas”, relata.

“Levamos todo o verán igual”, denuncia o edil do BNG. “Por unha decisión política a Xunta négase a cubrir as vacacións e permisos, condenándonos a un servizo precario ou a ver como citas, revisións e probas son adiadas ou derivadas á Coruña”, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Desde o BNG indican que esta situación vense repetindo nos últimos anos “froito dos reiterados recortes orzamentarios do goberno do PP na Xunta”. Explican que esta situación, unida ao deterioro das instalacións, “incide negativamente na calidade da atención, como demostran as queixas continuas que trasladamos aos Plenos e das que nos fixemos eco nos últimos anos”.

Aínda o pasado mes de agosto o Pleno, a instancias do BNG, volveu demandar á Xunta que cubra todas estas vacacións e permisos para garantir un servizo de atención primaria de calidade. Porén, denuncian desde o BNG, as carencias do centro de saúde do Carregal, que atende a Betanzos e municipios limítrofes, non entraron nos temas abordados na xuntanza da alcaldesa co presidente da Xunta. “Será que non é unha preocupación para ela”, ironizan.

Por este motivo, desde o BNG adiantan que trasladarán novamente o asunto ao Parlamento para exixir á Xunta que poña fin a esta situación debido aos prexuízos que xenera para as betanceiras e veciñas da comarca das Mariñas.

Este verán, recordan desde o BNG, ao non haber servizos de pediatras en Miño os usuarios eran obrigados a buscar atención en Bergondo, cando o servizo en Betanzos estaba sobrepasado por funcionar coa metade de persoal ou a cubrir outras ausencias. “Esta situación é deplorábel, a Xunta compórtase como se as doenzas entenderan de vacacións e obrígase ás nosas veciñas a unha peregrinaxe polos centros de saúde da comarca” ironiza Del Río.

“Temos dereito a ter un servizo sanitario público de calidade porque, entre outras cousas, estamos pagándoo cos nosos impostos, que se perden en cousas menos necesarias” engade o edil do BNG. “A Xunta ten que cubrir as baixas e vacacións para garantir a calidade do servizo, pero o Concello non pode permitirlle ao goberno galego esta situación nin un minuto máis”, engade. “Por desgraza, non temos constancia de que o goberno local se dirixise á Xunta exixindo que poña fin a esta situación en ningunha das ocasións en que trasladamos o asunto ao Pleno”, lamenta o voceiro nacionalista.

Volvemos denunciar a falta de facultativos no centro de saúde do Carregal