Urximos á Xunta a tomar medidas para garantir a conservación da Fábrica da Luz

A fábrica da luz da Ponte Nova
A fábrica da luz da Ponte Nova

Desde o BNG recordan á Xunta que o edificio da fábrica da luz conta, por decisión do goberno galego, con nivel de protección integral.

“Se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural di que ‘é urxente a consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio da fábrica de electricidade’, o goberno galego terá que adoptar medidas para cumprir as súas disposicións”

Urximos á Xunta a tomar medidas para garantir a conservación da Fábrica da Luz

Desde o BNG recordan á Xunta que o edificio da fábrica da luz conta, por decisión do goberno galego, con nivel de protección integral.

“Se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural di que ‘é urxente a consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio da fábrica de electricidade’, o goberno galego terá que adoptar medidas para cumprir as súas disposicións”

Betanzos, 1 de febreiro de 2018. O BNG urxiu á Xunta a actuar para garantir a conservación da Fábrica da Luz. Nunha batería de iniciativas presentada no Parlamento de Galiza, as nacionalistas piden prazos e medidas concretas ao goberno galego para forzar á empresa propietaria a manter a antiga fábrica de electricidade.

As deputadas do BNG lémbranlle na súa iniciativa ao goberno galego que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural outorgou catalogación provisional como monumento á factoría levantada á beira do Mendo polo enxeñeiro López Cortón e ampliada por Rafael González Villar en inconfundíbel estilo modernista.

“No corpo desta disposición, a titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ordena a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens catalogados mentres se tramite o expediente” lembran as parlamentares do BNG.

As deputadas do BNG toman palabras da Xunta para urxila a actuar diante do “estado de abandono e a falta de mantemento das construcións”, que segundo a propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural  “provocaron a súa deterioración” con derrumbes, apuntalamentos, fendas e outros desperfectos de entidade.

Desde o BNG recordan á Xunta que o edificio da fábrica da luz conta, por decisión do goberno galego, con nivel de protección integral, que garanta a conservación de todos os seus elementos, e nivel de proteción estrutural, que garanta a conservación dos elementos máis significativos, para os edificios anexos de serradoiro, pequeno edificio intermedio, embarcadoiro, piar e muro.

“Se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural di que ‘é urxente a consolidación da estrutura da cuberta e dos cerramentos do edificio da fábrica de electricidade’, o goberno galego terá que adoptar medidas para cumprir as súas disposicións”, entende o voceiro do BNG, Henrique del Río.

A empresa propietaria pretende demoler o monumento

As nacionalistas recórdanlle ao goberno galego que a empresa propietaria, Sociedad General de Edificios y Solares, do grupo Gas Natural Fenosa, presentou recurso contencioso-administrativo contra a denegación, por parte do Concello de Betanzos, dunha licenza para demoler o edificio protexido. 

“No entanto, non se teñen tomado medidas para garantir o cumprimento da catalogación provisional acordada pola Xunta de Galiza”, explican as deputadas na súa iniciativa, urxindo ao goberno galego a adoptar medidas para garantir a conservación da Fábrica da Luz, demandándolle prazos e medidas concretas.

Urximos á Xunta a tomar medidas para garantir a conservación da Fábrica da Luz