Trata o goberno local a todas as veciñas igual?

Cada vez que un goberno decide tratar de modo especial a unha persoa ou cada vez que se deixa sen sancionala por ser quen é, ademais de ser un acto clientelar e caciquil, estase violando a esencia mesma da democracia: sermos tratadas todas por igual e conforme á Lei.

Trata o goberno local a todas as veciñas igual?

A esencia mesma da democracia e do sistema representativo é que todas eliximos ás nosas representantes para que fagan as Leis. E, en consecuencia, os gobernos teñen que tratar a todas as persoas por igual, para garantir que todas sexamos iguais ante a Lei. É un principio de lexitimidade democrática que fundamenta todos e cada un dos gobernos elixidos nunha democracia, sexa a nivel estatal, nacional ou local. 

Cada vez que un goberno decide tratar de modo especial a unha persoa ou cada vez que se deixa sen sancionala por ser quen é, ademais de ser un acto clientelar e caciquil, estase violando a esencia mesma da democracia: sermos tratadas todas por igual e conforme á Lei.

Na nosa cidade esta situación dáse a cotío. Contratos públicos, contratación de persoal ao servizo do Concello, subvencións,... cada persoa que lea este artigo enseguida terá un par de exemplos na cabeza ao momento de ler estas liñas. A nós, como colectivo, tocounos tamén: tendo a cidade chea de carteis pegados en todas partes, o goberno local tan só multa ao BNG por poñer uns carteis con catro pedazos de fixo durante dous días para informar á veciñanza. Cando até o propio Concello fixa a cartelaría dos seus propios actos incumprindo as súas propias normas.

Por iso propuxemos no pleno que, antes de multar, o goberno local coloque espazos abondo por todo o Concello- pois agora só os hai en lugares periféricos. Que se ofrezan espazos para fixar a publicidade antes de multar discrecionalmente. E que, postos a multar, se revisen as sancións previstas na ordenanza de limpeza do PP, porque non provocan o mesmo dano nin custa o mesmo retirar un folio con catro puntos de fixo nunha parede que unha pintada que estraga unha fachada. E ambos teñen 751 euros de multa, por abraiante que poida parecer. Por non falar da multa de 100 euros para quen faga “selección, clasificación ou separación de calquera clase de material de refugallos depositado na vía pública”, isto é, rebusque algo no lixo.

 Non pode presentarse o PSOE como rexenerador de ningunha democracia cando escolle, a dedo, quen pode contratar ou non co noso Concello, quen ten dereito ou non a levar unha subvención ou, segundo lle guste ou non o que diga, multar por un de ducias de carteis pegados fóra de sitio. Porque a esencia da democracia é precisamente tratar por igual a todas as persoas e non utilizar as normas para beneficiar ou castigar a quen conveña discrecionalmente. 

E esa é precisamente a postura e o compromiso do BNG: que o Concello nos trate igual a todas. Algo simple e que, en teoría, nin habería sequera que demandar nunha democracia. Nada máis simple, pois, pero nada máis revolucionario ao tempo. 


Artigo orixinalmente publicado no número de xuño de 2018 do xornal Betanzos e a súa comarca
 

Trata o goberno local a todas as veciñas igual?