Entre todas salvamos o río, recuperemos agora o Pasatempo

Entre todas salvamos o río, recuperemos agora o Pasatempo
VALOCAÑOTA
Mapa do paseo do Mandeo

Xaneiro rematou coa grande nova da paralización do paseo entre As Monxas e Os Caneiros. Conseguimos que triunfase o sentido común grazas á explicación pública dun proxecto aberrante e, sobre todo, grazas á mobilización social. Dez entidades sociais da comarca e numerosa veciñanza conseguimos o que parecía imposíbel: facer rectificar a un goberno local que leva anos turrando con desfacer unha beira case virxe do Mandeo.

Aínda que xa o vimos explicando desde hai anos en charlas, boletíns ou artigos é importante lembrar porqué estivemos en contra deste paseo. Estivemos en contra porque tiña actuacións moi agresivas co río como escolleras, zapatas de formigón, canalizacións na beiramar ou pasarelas pilotadas no carrizal. Polo seu impacto en moitas especies que viven no Mandeo. Mais tamén e sobre todo polo estrago de case 600 000 € de cartos públicos, en obras de madeira innecesarias á beira do río.

Coa paralización deste proxecto ábrese unha nova oportunidade para dedicar estes cartos a cousas moito máis útiles para Betanzos. Como rehabilitar o Pasatempo. Menos dispendio e máis utilidade social. Mesmo se o goberno insiste en facer un paseo, a proposta que defendemos, presentada polos colectivos ambientais sería moito máis barata e sostíbel. Permitiría dedicar os cartos sobrantes a outros proxectos e mellorar as condicións da beira do Mandeo.

Desde o BNG xa trasladamos esta proposta o pasado mes de xuño ao Pleno, recibindo as descualificacións do goberno e do resto de grupos que apoiaron o proxecto de Paseo. Mágoa de tempo perdido. Porque chegamos a esta situación pola incapacidade do goberno para negociar e, sobre todo, escoitar.

O PP (Deputación) e o PSOE (Concello) asinaron no seu momento o convenio para o paseo. E PSOE e PP aprobaron este proxecto concreto inzado de actuacións prexudiciais para o Mandeo e para Betanzos. Mais non se pode gobernar de costas ao pobo. Finalmente o pobo mobilizouse e conseguiu paralizar este sensentido. Porque, malia que lles pese, o pobo é quen máis ordena.


Artigo publicado no xornal "Betanzos e a súa comarca" en febreiro de 2017

Entre todas salvamos o río, recuperemos agora o Pasatempo