Proporemos á Deputación modificar o paseo do Mandeo eliminando os elementos agresivos co medio

“Nós entendemos que hai necesidades moito máis urxentes para Betanzos, como o Pasatempo, que facer desmontes e pasarelas de madeira na beira do río, mais se o goberno local está empeñado en facer un camiño pegado ao Mandeo, non pode custarnos medio millón de euros nin facer actuacións que destrúan o medio natural que din que pretenden poñer en valor”.

Proporemos á Deputación modificar o paseo do Mandeo eliminando os elementos agresivos co medio

“Nós entendemos que hai necesidades moito máis urxentes para Betanzos, como o Pasatempo, que facer desmontes e pasarelas de madeira na beira do río, mais se o goberno local está empeñado en facer un camiño pegado ao Mandeo, non pode custarnos medio millón de euros nin facer actuacións que destrúan o medio natural que din que pretenden poñer en valor”.

Betanzos, 27 de decembro de 2016. O BNG insistiu en que está en contra do proxecto do paseo entre As Monxas e os Caneiros tal e como o aprobaron no Pleno de Betanzos PSOE e PP o pasado 26 de agosto de 2014, logo de que o executivo local anunciase que sacará a contratación a súa execución nos vindeiros días.

As nacionalistas recordan que as entidades ecoloxistas cuestionaban elementos incluídos no proxecto do paseo cun elevado impacto ambiental como os desmontes e movementos de terras na zona da fonte dos Ánxeles, as escolleiras, a canalización nova de augas fecais na liña de marea, a instalación de pasarelas de madeira ancladas en zapatas de formigón de grande volume ou de puntos de iluminación entre brañas e fraga de galería, entre outros puntos críticos. Ademais, a Defensora del Pueblo, pola súa parte, amosouse alarmada polo impacto ambiental do proxecto, ao punto de solicitar ao Concello que lle fixese chegar “un informe sobre as medidas preventivas e correctoras previstas no Plan de vixilancia ambiental”.

Desde o BNG recordan que todos estes elementos motivaron que votasen en contra do proxecto o 26 de agosto de 2014. Logo de que oito entidades naturalistas e culturais da comarca propuxeran unha serie de cambios no proxecto para eliminar os elementos máis agresivos, o BNG levou a Pleno do 28 de xuño deste ano unha nova proposta que incorporaba os cambios propostos polos colectivos ambientalistas.

“Propuxemos cambiar o proxecto para adaptalo ás indicacións das organizacións ecoloxistas, eliminar o máis agresivo e negociar coa Deputación que os cartos que sobrasen puidesen ser investidos na recuperación do Pasatempo ou o Casco Histórico”, recorda o voceiro do BNG, Henrique del Río. “PSOE e PP, pero tamén os dous grupos municipais da Marea, BN e CxG, evitaron apoiar este acordo, que  tería permitido unha mellor conservación do espazo natural do Mandeo”, indica.

Por este motivo, o BNG anuncia que trasladará oficialmente á Deputación as achegas das oito entidades ecoloxistas e culturais para suprimir os elementos ambientalmente máis agresivos do proxecto. As nacionalistas farán chegar ao goberno provincial a proposta que o Pleno rexeitou o pasado mes de xuño para que, logo de eliminar os puntos máis agresivos ambientalmente, se sobran cartos do convenio aprobado, se permita a Betanzos destinalos a financiar unha fase do proxecto para rehabilitar o Pasatempo xa presentado polo goberno local.

“Nós entendemos que hai necesidades moito máis urxentes para Betanzos, como o Pasatempo, que facer desmontes e pasarelas de madeira na beira do río” explica Del Río. “Mais se o goberno local está empeñado en facer un camiño pegado ao Mandeo, non pode custarnos medio millón de euros nin facer actuacións que destrúan o medio natural que din que pretenden poñer en valor”, concluíu.

Proporemos á Deputación modificar o paseo do Mandeo eliminando os elementos agresivos co medio