Propoñemos incluír o proxecto para as enchentes na Ribeira na solicitude de fondos FEDER

O Mandeo a punto de rebordar na Ribeira

A rehabilitación e peonalización do Casco Histórico é outra das liñas propostas. Recoller o lixo porta a porta, un programa de compostaxe comunitaria e o saneamento con brañas artificiais, alternativas para reducir o consumo enerxético.

Propoñemos incluír o proxecto para as enchentes na Ribeira na solicitude de fondos FEDER

A rehabilitación e peonalización do Casco Histórico é outra das liñas propostas. Recoller o lixo porta a porta, un programa de compostaxe comunitaria e o saneamento con brañas artificiais, alternativas para reducir o consumo enerxético.

Betanzos, 8 de novembro de 2016. O BNG propuxo incluír na documentación que o Concello presenta para optar a fondos FEDER o proxecto redactado polo Ministerio de Medio Ambiente para paliar os efectos das enchentes na Ribeira. “O proxecto vale 4,1 millóns de euros e con estes fondos podemos obter até 5, é unha boa ocasión para reunir o financiamento e executar estes proxectos despois de tantos anos prometéndoo”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Supoño que se o alcalde pide o proxecto ao Ministerio, dado que o financiaría a Unión Europea, ninguén se negará a cedelo, a fin de contas xa pagamos a redación cos nosos impostos”, engade.

Ademais, as nacionalistas propoñerán rehabilitar diversos espazos degradados. Por unha banda, erradicar a herba da Pampa dos solares municipais do polígono industrial e reacondicionalos para abrir un viveiro de empresas, e por outra, rexenerar a parcela municipal das Minas para restaurar o humidal e mais poñer en marcha un banco de terras para facilitar emprendemento agrario vinculado á agricultura ecolóxica, ao que se sumaría un banco de froiteiras autóctonas para conservar as variedades tradicionais.

O cambio no modelo de mobilidade urbana é outro punto que desenvolve a proposta do BNG. “Propoñemos reurbanizar as rúas do Casco Histórico para dar paso á mobilidade peonil”, explica Del Río. Incluiría tanto o propio amoblamento urbano como a mobilidade en bicicleta polo Casco Histórico e alrededores e a instalación de aparcadoiros, peonalización, reurbanización suprimindo beirarrúas, dotación de servizos de alumeado e subministración de aforro enerxético...

A aposta por unha mobilidade sustentable refórzase coa proposta dun servizo que conecte os núcleos sen liña de transporte público coa cidade de Betanzos. “O transporte colectivo contamina menos que os vehículos particulares, e de optar por vehículos híbridos ou eléctricos a contaminación será aínda menor”, explica o edil nacionalista. “Os estacionamentos vestibulares e a sinalización da distancia deles ao centro en tempo e metros, como fixemos co MetroBetanzos, serve tamén para reducir a polución do tráfico e permite a mobilidade peonil ou en bicicleta” engade. “E arbolar as rúas da cidade mitiga aínda máis este efecto”, explica.

Recollida “porta a porta” e compostaxe comunitaria

“Propoñemos un cambio na recollida do lixo, separando axeitadamente en orixe mediante un sistema de recollida porta a porta”, explica Del Río. Deste xeito, redúcese o custo económico e enerxético do tratamento e permite reciclar e reutilizar boa parte dos refugallos. Complementariamente, as nacionalistas propoñen desenvolver unha campaña de concienciación sobre este novo modelo, apoiado ademais nun programa de compostaxe comunitaria nas parroquias e mais na organización de obradoiros para reciclar e revalorizar determinados residuos, como a reciclaxe de aceite usado para elaborar xabróns.

Saneamento con brañas artificiais e mudanza a enerxías limpas

Nese mesmo apartado entraría tamén o peche do saneamento no municipio. O BNG propón optar polo saneamento descentralizado e ecolóxico, construíndo nos núcleos sen sanear depuradoras ecolóxicas a base de brañas artificiais. “Teñen menor custo de construción, non teñen consumo enerxético, teñen un mantemento moito máis barato e ademais non require abrir grandes tubaxes para levar as augas residuais a outro lado con máis gasto eléctrico nos bombeos”, explica Del Río.

O BNG engade tamén a aposta polas enerxías limpas. Por unha banda, propoñendo mudar a contratación do subministro cara empresas de base cooperativa que comercialicen enerxía procedente de fontes renovábeis. E por outra, propoñendo estudar o cambio dos dereitos de concesión do salto de agua do muíño que o Concello ten en Caraña para mirar de sacarlle un aproveitamento hidroeléctrico.

“Todas estas propostas xa as temos levado a Pleno” explica Del Río. “De feito, todas elas están incluídas no programa de goberno con que nos presentamos ás municipais de 2015”, engade. “Cremos que non se pode perder a oportunidade de presentar un proxecto gañador por facer unha suma de cousas que pode facer o Concello cos seus medios cun investimento mínimo, como sinalizar os camiños seguros escolares”, explica. “É a oportunidade de facer un proxecto de cidade alternativo ao que se foi conformando, aproveitémola ben”, conclúen as nacionalistas.

Propoñemos incluír o proxecto para as enchentes na Ribeira na solicitude de fondos FEDER