COMO COMPLEMENTO AO CENTRO COMERCIAL ABERTO, DESDE O BNG PROPOÑEN “CREAR UN BANCO DE LOCAIS COMERCIAIS BALEIROS E EN DESUSO QUE SE OFERTEN EN RÉXIME DE ALUGUER ACCESÍBEL”

Presentamos a CHESCASCO as nosas propostas para reactivación económica do Casco Histórico tras a crise da covid-19

checasco
Imaxe da reunión virtual con CHECASCO

Desde o BNG apostan por complementar o desenvolvemento do centro comercial aberto cun mercado virtual que centralice as compras online para o comercio betanceiro e que permita, tamén de xeito coordinado, o reparto das compras a domicilio

Presentamos a CHESCASCO as nosas propostas para reactivación económica do Casco Histórico tras a crise da covid-19

Betanzos, 6 de xuño de 2020. O BNG presentou a CHESCASCO as súas propostas para reactivación económica do Casco Histórico tras a crise da covid-19. “As medidas de distanciamento social poden chegar a ser unha oportunidade para o pequeno comercio se desenvolvemos plenamente o centro comercial aberto de Betanzos”, considera o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Impóñense neste tempo os espazos abertos, ventilados e que permitan unha distancia con outras persoas e vemos como as recomendacións son gañar espazos para as persoas, para garantir estas condicións”, recorda Del Río. “Todo isto témolo xa no Casco Histórico, só falta potencialo e agora esa pode ser precisamente a mellor medida de estímulo ao comercio”, remarca.

As nacionalistas defenden neste sentido potenciar o centro comercial aberto e ofrecer a veciñanza e potenciais clientes “rúas amábeis, que inviten a camiñar”. “Amobladas, sen présas, sen apenas circulación motorizada para garantir distancias”, destacan. “Rúas nas que mesmo se poden pintar no pavimento xogos infantís, para que as crianzas brinquen mentres pasean ou os proxenitores paran nos comercios”, abundan.

Neste sentido, desde o BNG apostan por complementar o desenvolvemento do centro comercial aberto cun mercado virtual que centralice as compras online para o comercio betanceiro e que permita, tamén de xeito coordinado, o reparto das compras a domicilio. “Trátase de adaptar o sistema de reparto das prazas de abastos ou as grandes superficies para ofrecer unha vantaxe competitiva ao pequeno comercio” destaca Del Río.

Un banco de locais comerciais

Como complemento ao centro comercial aberto, desde o BNG propoñen “crear un banco de locais comerciais baleiros e en desuso que se oferten en réxime de aluguer accesíbel”.

"A función principal deste banco de locais é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan un local, así como dar garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso deses baixos por parte do Concello" explica o voceiro nacionalista. A proposta baséase no deseño e funcionamento do Banco de Terras de Galiza, unha iniciativa que no seu día puxera en marcha o BNG para mobilizar terra agraria en desuso. “O aval, a garantía do cobro da renda é importante para as persoas propietarias dos baixos, pero funciona como un respiro para os comerciantes neste momento”, abunda.

“Neste momento un dos principais atrancos para garantir a viabilidade dun negocio ou que alguén se anime a abrir un comercio non é a presión fiscal, senón as rendas, polo que unha medida de confianza como esta entendemos que pode resultar clave para reactivar o sector”, destacan.

As nacionalistas celebran que a proposta fose considerada unha “moi boa idea” por parte de CHESCASCO, dado que permite, ademais, “unha certa intervención no mercado do aluguer axudando a moderar os prezos”.

Presentamos a CHESCASCO as nosas propostas para reactivación económica do Casco Histórico tras a crise da covid-19