O Pleno aproba por unanimidade a nosa moción para garantir a conservación e uso público da Fábrica da Luz

A Fábrica da Luz desde a Galera

"O que nos move é garantir a conservación deste anaco do noso patrimonio e todas as achegas son benvidas"

O Pleno aproba por unanimidade a nosa moción para garantir a conservación e uso público da Fábrica da Luz

Betanzos, 29 de xuño de 2017. O Pleno aprobou, por unanimidade, a moción do BNG que instaba ao goberno local a agotar todas as vías para garantir a conservación da Fábrica da Luz da Ponte Nova. Polo seu valor patrimonial- un edificio modernista deseñado por González Villar-, pola súa ubicación e configuración ideal para acoller equipamentos socioculturais e para evitar que se constrúa a carón do río o edificio que prevé o planeamento, no BNG entenden que se podería chegar mesmo á expropiación forzosa para a adquisición do inmoble.

Esta é, literalmente, a moción:

Desde hai lustros a Corporación Municipal ven debatindo e aprobando acordos relativos á proteción da fábrica da luz da Ponte Nova, un inmoble modernista proxectado por Rafael González Villar e que, a través da súa propia historia recolle a historia do sector enerxético galego.
Os sucesivos gobernos locais resistíronse a executar algún dos numerosos pronunciamentos aprobados por sucesivas Corporacións- a maioría deles, promovidos polo BNG- até este ano, coa solicitude, incompleta (xa que Patrimonio demandou máis documentación), de inclusión do mesmo no catálogo do patrimonio industrial de Galiza.
En 2015, responsábeis da división urbanística de Gas Natural Fenosa, propietaria da fábrica e a parcela na que se asenta, responderon ao requerimento da alcaldía de garantir a seguridade en torno ao predio abrindo a porta a establecer unhas conversas sobre o mesmo. Dado que nunca o alcalde deu conta de negociacións sobre este asunto, entendemos que o goberno local non colleu a luva que a propiedade lle lanzaba.
Así, hai un mes a empresa propietaria solicitaba licenza de demolición do edificio, amparándose en que, efectivamente, o propio goberno local lle demandara garantir a seguridade coas actuacións que fosen precisas.
No BNG vimos defendendo, desde hai décadas, a proteción e adquisición deste inmoble para, tras a súa rehabilitación, acoller un complexo cultural no que teñan cabida locais para asociacións, dependencias para actividade cultural e recreativa, espazos de convivio e de posta en valor do propio edificio e a súa historia.
O interese público é evidente: preservar o patrimonio, evitar un bloque de pisos enriba do río e crear na fábrica un complexo para goce da veciñanza que dea solución a algunhas das carencias que actualmente o barrio da Madalena ten.
Entendemos que o Concello ten múltiples vías para poder acadar este fin: iniciar as conversas que a empresa ofrecía en 2015 e negociar a adquisición do edificio ou, no caso de se negar, e á vista do obvio interese público, iniciar un procedemento de expropiación forzosa. Cremos, igualmente, que o Concello ten posibilidades de financiamento para logralo: desde a venda ou permuta da parcela no polígono que o propio alcalde valoraba empregar o pasado 20 de febreiro, a disposición de crédito nos orzamentos ou o recurso a operacións de débeda para investimento.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
 
ACORDO 

  1. Instar ao goberno local a:
    1. buscar unha vía, xunto coa empresa propietaria, que garanta a posta en valor e uso público da fábrica da luz.
    2. requerir á empres, no entanto, manter o edificio nunhas condicións mínimas de conservación.
    3.  incluír nos orzamentos a contía precisa para este fin.
  2. Facultar á Alcaldía e concelleira/o en quen delegue a tomar cantas medidas sexan necesarias para cumprir este acordo.

No debate,  o BNG admitiu unha emenda doutro grupo por achegar outra vía para evitar a demolicion do inmoble suspendendo a concesión de licenzas urbanísticas no ámbito da Fábrica da Luz. "Se é unha vía máis para evitar a demolición do edificio non temos problema en admitila, o que nos move é garantir a conservación deste anaco do noso patrimonio e todas as achegas son benvidas" indicou o voceiro do BNG, Henrique del Rïo, no momento de acadar o acordo co outro grupo.

O Pleno aproba por unanimidade a nosa moción para garantir a conservación e uso público da Fábrica da Luz