Imprimir

Pedimos pide ao Pleno que se solidarice cos traballadores de Alcoa

bngbetanzos | 03 de Novembro de 2018

Henrique del Río, voceiro do BNG, nun Pleno
Henrique del Río, voceiro do BNG, nun Pleno

“Son moitos os veciños de Betanzos e a comarca que teñen o seu posto de traballo na fábrica de aluminios coruñesa, polo que o eventual peche terá un impacto directo tamén na economía de Betanzos”

As nacionalistas piden rebaixar o IVE da electricidade do actual 21% ao 4%

“Son moitos os veciños de Betanzos e a comarca que teñen o seu posto de traballo na fábrica de aluminios coruñesa, polo que o eventual peche terá un impacto directo tamén na economía de Betanzos”

As nacionalistas piden rebaixar o IVE da electricidade do actual 21% ao 4%

Betanzos, 29 de outubro de 2018. O BNG pedirá no Pleno que o Concello se solidarice coa loita do cadro de persoal de Alcoa contra o peche da factoría coruñesa. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, lembrou que “son moitos os veciños de Betanzos e a comarca que teñen o seu posto de traballo na fábrica de aluminios coruñesa, polo que o eventual peche terá un impacto directo tamén na economía de Betanzos”.

Por este motivo, as nacionalistas pedirán que, ademais de respladar publicamente aos empregados da factoría, o Concello de Betanzos demande a constitución dunha mesa de negociación para loitar pola continuidade da empresa na que se dea participación ao cadro de persoal, entidades sociais e administracións comprometidas coa súa permanencia. Neste sentido, propoñen, ademais, negociar co goberno central un marco enerxético estábel para a industria galega que permita unha tarifa eléctrica galega que mellore a nosa competitividade por sermos produtores excedentarios de enerxía, contribuíndo ao abaratamento da factura destas industrias baixo o cumprimento dunha serie de compromisos de investimento e mantemento dos postos de traballo. “En Euskadi, cunha tarifa eléctrica propia, ningunha fábrica pecha polo prezo da luz”, explican.

Demanda de rebaixar o prezo da luz por sermos produtores netos de enerxía

O BNG demandará tamén, noutra moción,a inmediata redución do Imposto de Valor Engadido sobre a electricidade do 21% ao 4%, a fin de compensar ás galegas dos custos de producir enerxía eléctrica. “Mentres Estado e eléctricas aumentan os seus beneficios e Galiza exporta enerxía, no noso país hai máis de 442 000 persoas que declaran non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada e a taxa de risco da pobreza incrementou nun 12,15% dende o 2009” recordan desde o BNG, que sinalan que “para combater a dificultade que supón o acceso á enerxía non son suficientes nin o bono social do Estado nin o tícket eléctrico da Xunta de Galiza, que chegan a unha porcentaxe moi reducida da poboación”.

“Non é de recibo que por riba de non beneficiármonos de producir, grazas ás políticas enerxéticas do Partido Popular, Galiza vaia pagar a factura máis cara do Estado” aseguran desde o BNG. As nacionalistas denuncian que as últimas decisións no sector van ter como resultado que se vaia “repercutir o recadado en varios impostos nas facturas dos galegos e galegas para recadar arredor de 38 millóns de euros”. “Isto é un absoluto disparate, quen produce paga máis que quen non e as galegas e galegos imos recibir o tarifazo máis grande do Estado” denuncian. 

“Unha tarifa eléctrica galega que abarate vía peaxes o prezo final da enerxía no noso país axudaría a democratizar o acceso á enerxía para todas as persoas e, asemade, contribuiría a asentar o tecido industrial e económico do país, frear a deslocalización e evitar a nosa desindustrialización” conclúe Del Río.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/pedimos-pide-ao-pleno-solidarice-cos-traballadores-alcoa/20181103133902003339.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Betanzos

Bloque Nacionalista Galego

Travesía da Torre, nº2, 1º
15300 Betanzos (GALIZA)
Teléfono: +34981776466
Correo: betanzos@bng.gal