Imprimir

Levaremos ao Parlamento as pingueiras do comedor do aulario de educación infantil

bngbetanzos | 17 de xaneiro de 2020

O voceiro do BNG nunha xuntanza coa ANPA
O voceiro do BNG nunha xuntanza coa ANPA

“Aínda non hai dous meses que revisaron o tellado tras inundarse unha aula por outra filtración desde o tellado”

“Se todo isto sucede nun edificio que aínda non ten seis anos é obvio que algo se está a facer mal”

“Aínda non hai dous meses que revisaron o tellado tras inundarse unha aula por outra filtración desde o tellado”

“Se todo isto sucede nun edificio que aínda non ten seis anos é obvio que algo se está a facer mal”

Betanzos, 16 de xaneiro de 2020. O BNG anunciou que levará ao Parlamento os problemas de pingueiras que está a padecer o aulario de educación infantil do CEIP Vales Villamarín. As nacionalistas cuestionan que “un edificio novo non pode ter este tipo de problemas continuamente”.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou que “no día de hoxe unha enorme pingueira anegou o comedor do aulario, ao punto de colocar o persoal un colector do lixo a modo de balde xigante no que recoller a auga”. As nacionalistas apuntan que isto provocou ter que repoñer o servizo do comedor, ademais dun problema adicional de humidade no centro escolar.

“Segundo nos explicaron no centro, non é a primeira vez que isto acontece” explica o edil nacionalista. “O martes había pingueiras, o centro advertiu ao Concello da situación e o mércores persoal municipal non viu problema ningún na cuberta do edificio”, relata. “Aínda non hai dous meses que revisaron o tellado tras inundarse unha aula por outra filtración desde o tellado”, lembra.

“É inadmisíbel que un colexio novo teña estes problemas”, advirte Del Río. “Se todo isto sucede nun edificio que aínda non ten seis anos é obvio que algo se está a facer mal”, remarcan. “Se pasa isto todos os cursos desde que se abriu o aulario, algo haberá mal e desde logo a autoridade responsábel terá que aclarar que se fixo mal para que isto se repita, e obviamente solucionalo”, abunda o voceiro do BNG.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/levaremos-ao-parlamento-pingueiras-do-comedor-do-aulario-educacion-infantil/20200117183917003519.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Betanzos

Bloque Nacionalista Galego

Travesía da Torre, nº2, 1º
15300 Betanzos (GALIZA)
Teléfono: +34981776466
Correo: betanzos@bng.gal