Diante da irresponsabilidade de PSOE e Podemos, fagámonos valer como país cun BNG decisivo no Congreso

Fronte ao circo frívolo da política española temos a oportunidade de actuar diferente. Cun voto de esquerda, transformador, a un forza política seria e responsábel como o BNG, que dará voz propia a Galiza, sen complexos, sen ataduras e con firmeza na defensa da sociedade galega.
Diante da irresponsabilidade de PSOE e Podemos, fagámonos valer como país cun BNG decisivo no Congreso
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, e o candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, e o candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego

No BNG compartimos o sentir da grande maioría da sociedade con respecto ás novas eleccións do 10 de novembro. Si, a política española está a facer o ridículo e a demostrar o grao de irresponsabilidade dos seus partidos. A xente está farta da irresponsabilidade e frivolidade coa que actúan as forzas estatais, de dereita e de esquerda.

Comprendemos en especial a decepción e o enfado das persoas votantes de PSOE e Unidas Podemos, moitas delas votaron a eses partidos no seu día pola súa apelación ao "voto útil fronte a dereita". Xa se veu para que.

Acabamos de asitir a unha nova escena do sainete lamentábel que representan PSOE e Podemos desde hai anos. Non chegan a acordos porque non lles interesa: poñen por diante os seus intereses, a súa comenecia electoral e os seus egos persoais aos intereses da sociedade, que quere e necesita o contrario: seriedade e altura na acción política, en favor da maioría.

Dentro do malo, algo bo: para Galiza estas eleccións son unha oportunidade. Nada de resignación que leve á pasividade ou a quedar na casa: hai que transformar a decepción e o enfado desa grande maioría de persoas nunha aposta forte por recuperar voz propia para o noso país, a través do BNG. No BNG imos traballar con toda a forza e toda a ilusión de devolver á sociedade galega unha representación propia e digna en Madrid.

Se algo xa saben as galegas é que aquí o único cambio real pasa por facernos valer como país. PSOE, PP ou Podemos  son partidos que actúan ao servizo do que digan os seus núcleos dirixentes en Madrid. Galiza non pinta nada nese esquema, somos sempre moeda de cambio.

Comprobámolo nos últimos anos: con gobernos de PP e de PSOE, o maltrato a Galiza continuou. Para as forzas españolas Galiza é irrelevante. O único cambio real para nós é actuar con intelixencia colectiva de país, como unha sociedade que se fai valer na defensa dos seus intereses. E iso pasa por recuperar voz propia en Madrid.

Chegou o momento de facernos respectar como pobo, de facernos valer con voz propia. Unha voz propia que a día de hoxe teñen  vascos, cataláns, valencianos, canarios, cántabros... Somos un país digno e temos que ter voz propia. O BNG vai garantilo, estamos en condicións de facelo e percibimos que moita xente que nas pasadas xerais votou outras forzas desta volta vai apostar polo BNG, por moitos motivos.

É o momento de apostar por actuar diferente. Fronte ao circo frívolo da política española temos a oportunidade de actuar diferente. Cun voto de esquerda, transformador, a un forza política seria e responsábel como o BNG, que dará voz propia a Galiza, sen complexos, sen ataduras e con firmeza na defensa da sociedade galega.


Artigo publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca no seu número de outubro de 2019.

Diante da irresponsabilidade de PSOE e Podemos, fagámonos valer como país cun BNG decisivo no Congreso