Comprometémonos a actualizar e executar o plan estratéxico do centro comercial aberto nunha xuntanza mantida con ACEBE

foto ACEBE
Reunión do BNG con ACEBE

"Poñeremos en marcha un banco de locais comerciais, para intermediar entre propietarias e posíbeis autónomas, para facilitar a apertura de negocios”, comprometeuse

Comprometémonos a actualizar e executar o plan estratéxico do centro comercial aberto nunha xuntanza mantida con ACEBE

Betanzos, 6 de marzo de 2019. O BNG comprometeuse a actualizar e executar o plan estratéxico do centro comercial aberto nunha xuntanza mantida coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE). "Cremos que este modelo é a alternativa ás grandes superficies comerciais que supoñen un monopolio de modelo de consumo e de formas de vivir", explica o candidato nacionalista á alcaldía, Henrique del Río.

As nacionalistas lembran que Betanzos conta co centro comercial aberto desde inicios da década dos 2000, "pero nunca o PSOE nin o PP desenvolveron toda a potencialidade que ofrece este modelo". "O comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, de humanizar as cidades e impedir a desertización das rúas" explican. "É un sector estratéxico para Betanzos polo volume de emprego e porque ademais os ingresos que xera son reinvestidos na economía local", abunda Del Río.

"Hai medidas, como dotar de mobiliario urbano as rúas comerciais da cidade, tanto da parte nova como do Casco Histórico, que non requiren de grandes investimentos", explica. "Unha rúa comercial ten que dar facilidades para pasear, para parar, para sentarse e mirar e unha rúa peonil inzada de coches e sen bancos, árbores ou xardineiras ou outra chea de obstáculos e con coches sobre as beirarrúas e até sen papeleiras non convidan a parar", engade.

Ademais, entenden que o centro comercial aberto require de sinalización e identificación. Por este motivo comprométense a instalar paneis nos aparcamentos situados ás entradas da cidade con mapas comerciais e turísticos, coa distancia en tempo e en metros aos puntos de interese, para apoiar o comercio local e convidando a mercar nestes estabelecementos.

Outras medidas de inversión nun sector clave

As nacionalistas consideran que para desenvolver plenamente o centro comercial aberto fan falta investimentos específicos, como a reurbanización de rúas e espazos públicos. "Poñeremos en marcha un banco de locais comerciais, para intermediar entre propietarias e posíbeis autónomas, para facilitar a apertura de negocios, ao xeito da intermediación que fai o banco de terras", explica Del Río.

O BNG, ademais, prevé crear un viveiro de empresas nas parcelas municipais do polígono de Piadela, actualmente desocupadas. "Locais de baixa renda, con servizos básicos, permitirán crear novas oportunidades e tamén que esas parcelas municipais rendan un beneficio á veciñanza", abunda.

Comprometémonos a actualizar e executar o plan estratéxico do centro comercial aberto nunha xuntanza mantida con ACEBE