CIEC e Globo: son as fundacións a mellor solución?

Non se pode crear a aparencia de que temos que elixir entre montar o chiringuito ou que desapareza o globo, porque hai outras moitas maneiras de conservar unha tradición como esta: desde unha asociación entre os propios construtores até que sexa o Concello por si mesmo quen o asuma directamente.

CIEC e Globo: son as fundacións a mellor solución?
Henrique del Río é o voceiro do BNG
Henrique del Río é o voceiro do BNG

En 1997 o Concello de Betanzos puxo 7,5 millóns de pesetas en maquinaria, obras e equipamento para constituír a Fundación CIEC. O seu promotor, Jesús Núñez, puxo 3,25 millóns de pesetas, segundo a escritura. Por ese 70%, ao Concello correspondeulle un posto no Padroado, mentres que polo seu 30%, a familia Núñez ten a Jesús Núñez, súa dona, 5 membros máis da súa familia e Francisco Manuel Díaz Pereira, ex-concelleiro de cultura co PSOE, a título particular. 8 votos para o 30% e só 1 voto para quen puxo o 70% do capital.

Desde esa data, non hai ningún tipo de control público sobre o que acontece na Fundación CIEC. O goberno local mesmo obrigaba a empregadas municipais a limparen a sé, un edificio particular, e no pleno, tras anos insistindo na necesidade de control público dunha fundación de capital maioritariamente público, o alcalde rematou confesando que nin sequera é convocado ás xuntanzas do padroado. Por descontado, nestes 20 anos o goberno non informou das decisións adoptadas no organismo, a pesar de financiar as súas actividades por medio de subvencións que saen dos nosos tributos. Opacidade absoluta.

Parvas seriamos se non apreciásemos que unha entidade coa valía artística, cultural e patrimonial do CIEC teña en Betanzos a súa sede e imparta aquí boa parte da súa programación formativa. Mais botamos en falta un maior vínculo da entidade coa cultura do País e un control público, dado que a maior parte dos fondos para constituíla foron públicos e se financia moi maioritariamente con recursos públicos.

E con este legado, o goberno propuxo en abril a creación doutra fundación privada para que se encargue da elaboración do globo: tería a súa sede na Casa do Concello, e un 50% do padroado sería nomeado pola familia Pita. Porén, a proposta xa foi avaliada negativamente por dous informes demoledores pola ausencia de controis na actuación da fundación e pola falta de viabilidade económica.

O Concello seguirá pagando os 17 700 euros anuais polo globo (actualmente sen factura, de maneira irregular), a sumarlle aínda seguros, plan de protección e demais. Os Pita cederán á entidade a patente que fixeron a título particular dunha tradición que, no fondo, é de todas as betanceiras e que é anterior, cando menos en 60 anos, a que a súa familia construíse o globo.

Obviamente, todas queremos conservar unha tradición única coma o globo. Mais non se pode facer sen cumprir a lexislación e máis se é para crear un chiringuito que escape de todo control público.

Non se pode crear a aparencia de que temos que elixir entre montar o chiringuito ou que desapareza o globo, porque hai outras moitas maneiras de conservar unha tradición como esta: desde unha asociación entre os propios construtores até que sexa o Concello por si mesmo quen o asuma directamente.

Os dous casos, as dúas fundacións supostamente privadas pero sostidas e participadas maioritariamente polo Concello de Betanzos, máis similares do que poida parecer: en ambos casos promotores e goberno local apelan ás emocións fronte ao racional para ocultar que somos as veciñas quen poñemos os cartos para os chiringuitos, escondendo o que se fai co noso diñeiro e organizando un entramado que nos prive da información do que se decide e fai cos nosos cartos.


Artigo orixinalmente publicado no diario La Opinión de A Coruña do 23 de maio de 2018

CIEC e Globo: son as fundacións a mellor solución?