O BNG volve insistir en que se repoña o banco arredor do magnolio centenario da praza de Lanzós

O BNG volve insistir en que se repoña o banco arredor do magnolio centenario da praza de Lanzós

O voceiro do BNG, Henrique del Río, na praza de Lanzós

Os nacionalistas demandan ao goberno local que preste un pouco de atención, “cunha revisión e as atencións necesarias, a unha das escasas árbores centenarias que temos no concello”

Hai un ano presentouse unha iniciativa igual e o goberno do PSOE respondera que “en breve se repoñería, vai un ano aló e nada”.

Betanzos, 14 de novembro de 2014. O BNG demandou novamente no Pleno que o goberno local repoña o banco arredor do magnolio centenario na praza de Lanzós. “Hai xustamente un ano trouxemos unha iniciativa neste sentido”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “respondéusenos que se repoñería á menor brevidade mais vai un ano aló e nada”.

Os nacionalistas entenden que ademais da cuestión estética, o banco protexía tamén esta árbore centenaria. “Na nosa opinión o que había que facer na praza de Lanzós era rematar o pavimento de cantería en torno á árbore, vernizar o banco circular de madeira e poñer algunha planta rastreira para evitar que a terra seguise solta e darlle humidade ás raíces do magnolio”, indican. Os nacionalistas consideran que deste xeito, mantíñase a personalidade da praza e garantíase o coidado da árbore.

Os nacionalistas demandan ao goberno local que preste un pouco de atención, “cunha revisión e as atencións necesarias, a unha das escasas árbores centenarias que temos no concello”

No seu momento, desde o BNG cuestionaron que o goberno local do PSOE cambiase o banco circular de madeira por catro bancos de forxa comprados a propósito para substituílo. “Gastaron cartos de todas e todos en poñer os bancos metálicos, a xente criticou o cambio e aos dous días desapareceron os bancos”, lembra o voceiro do BNG, Henrique del Río. “E desde entón a praza está sen nada e a árbore exposta aos golpes dos coches que aparcan por alí”, engade. “A ver se o PSOE se aclara co que quere facer coa praza”, ironiza.

Desde o BNG reclaman ao goberno local que solucione a situación que provocou na praza de Lanzós. “Ou pretenden que a xente sente no chan?”, ironizan. “O necesario era amañar o chan baixo o magnolio e curiosamente ningunha das veces que o PSOE modificou a praza o fixo”, indica Del Río. “Que repoñan o banco de madeira, os metálicos ou o que queiran, pero agora a praza é unha lameira”, conclúe o voceiro nacionalista.

Coidados específicos para o magnolio centenario

Ademais de protexer a árbore co banco, os nacionalistas demandaron ao goberno local que “preste un pouco de atención, cunha revisión e as atencións necesarias, a unha das escasas árbores centenarias que temos no concello”. Neste sentido, engaden, “semella que a árbore precisa unha poda de formación para que recupere a silueta e algúns outros tratamentos para garantir a súa saúde”. “Esta árbore é xa un símbolo do Casco Histórico e non pode ser que por desidia acabemos quedando sen ela”, apuntan.

O BNG volve insistir en que se repoña o banco arredor do magnolio centenario da praza de Lanzós