O BNG trasladará de novo a Pleno que se converta o antigo ambulatorio nun Centro de día público

O BNG trasladará de novo a Pleno que se converta o antigo ambulatorio nun Centro de día público

Un momento da asemblea aberta deste serán

As nacionalistas recordan que en 2007 goberno local e Xunta alcanzaron o compromiso de abrir un centro de día público en Betanzos.

“Ano tras ano, a maioría do PP no Parlamento de Galiza vota en contra das emendas presentadas polo BNG para que Feijóo cumpra coa palabras dada aínda que sexa ben anos tarde”

Betanzos, 27 de maio de 2016. O BNG trasladará de novo a Pleno a súa demanda histórica de converter o antigo ambulatorio nun centro de día público. “Na nosa comarca non hai ningún centro de día público”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, para quen a carencia deste tipo de servizo supón un impedimento “tanto para que as persoas maiores ou dependentes teñan unha asistencia axeitada como para quen as coida, mulleres polo xeral, poder desenvolver outras actividades, sexan profesionais, familiares ou sociais”.

As nacionalistas recordan que en 2007 goberno local e Xunta alcanzaron o compromiso de abrir un centro de día público en Betanzos. “Mesmo o actual presidente da Xunta prometeu que antes de acabar a súa primeira lexislatura no cargo dotaría dun centro de día público a todos os concellos con máis de 5000 habitantes” recorda Del Río.

O BNG leva defendendo desde hai anos como mellor opción a rehabilitación do antigo ambulatorio. Neste sentido desde o ano 2007 o Pleno ven aprobando posicionamentos neste sentido. A vantaxe do antigo ambulatorio, segundo as nacionalistas, é que “o edificio xa foi adaptado no seu momento para a accesibilidade das persoas con problemas de mobilidade”.

Porén, o vello centro de saúde continúa o seu progresivo deterioro no centro mesmo de Betanzos, abandonado e sen uso. “Parécenos inadmisíbel que un edificio público estea baleiro e abandonado mentres a nosa cidade e a comarca carecen de servizos básicos como un xeriátrico ou un centro de día”, engadiu o voceiro nacionalista.

“Ano tras ano, a maioría do PP no Parlamento de Galiza vota en contra das emendas presentadas polo BNG para que Feijóo cumpra coa palabras dada aínda que sexa ben anos tarde” recordan desde o BNG. As nacionalistas lamentan que o PP desde o goberno do Estado prefira estragar un edificio público abandonándoo “a ceder algo que xa pagamos todas as betanceiras para termos un servizo público máis ca necesario nos tempos que corren, tanto para mellorar a atención a maiores e dependentes como para permitir a conciliación das familias coidadoras”, criticou Del Río.

O BNG recorda que Betanzos é cabeceira comarcal e considera que non é lóxico que non teña uns servizos básicos como un xeriátrico ou un centro de día público. “Hai algunhas semanas vimos como varios concellos da nosa comarca se unían para reclamar un centro de día en conxunto e pensamos que o noso concello debe insistir nesta demanda histórica”, concluíu o portavoz do BNG.

O BNG trasladará de novo a Pleno que se converta o antigo ambulatorio nun Centro de día público