O BNG reclama á Xunta unha partida propia nos orzamentos de 2021 para a recuperación do Parque do Pasatempo de Betanzos

Mercedes Queixas é deputada do BNG no Parlamento galego
Mercedes Queixas é deputada do BNG no Parlamento galego
A deputada Mercedes Queixas advirte que “xa perdemos unha parte” deste xardín histórico e urxe comezar coas obras de protección da que queda
O BNG reclama á Xunta unha partida propia nos orzamentos de 2021 para a recuperación do Parque do Pasatempo de Betanzos

Santiago de Compostela, 30 Outubro 2020.- O BNG reclama ao Goberno galego que inclúa nos orzamentos de 2021 unha partida específica para a recuperación do Parque do Pasatempo de Betanzos que contribúa a cumprir coas obrigas propias da súa catalogación como Ben de Interese Cultural (BIC) e que permita reverter “o seu dramático estado de deterioro”.  

Nunha proposición non de lei presentada ante a Comisión de Cultura do Parlamento galego, a deputada Mercedes Queixas demanda á Xunta que se sume ao esforzo conxunto xa realizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, logo de que ámbalas dúas partes asinaran un primeiro compromiso económico para desenvolver a fase de consolidación do parque por un importe de 525.000 euros dunha obra de restauración total valorada en tres millóns de euros. 

Queixas criticou que despois de dous anos do compromiso para incluír fondos suficientes para executar a rehabilitación a cargo das tres administracións, “nada se sabe de compromisos económicos asumidos polo Goberno galego que concretasen os sucesivos anuncios para a rehabilitación do Pasatempo” en colaboración con Deputación e concello. 

A deputada nacionalista advirte que “xa perdemos unha parte do parque” e que a que queda segue seriamente ameazada, polo que considera urxente comezar coas obras de protección e recuperación ante o “risco de perder definitivamente unha alfaia patrimonial”. “O abandono progresivo, as filtracións de auga ou a acción da pasarela que atravesa a estrada para comunicar ambas marxes con acceso ao parque e que está a exercer unha forte carga sobre o muro exterior reclaman unha intervención protectora de urxencia que evite a perda do alto valor simbólico monumental deste xardín histórico”, subliñou.

A iniciativa do Bloque, que non prosperou polo veto do PP, tamén recalcou as reivindicacións neste sentido da Asociación de Amigos do Pasatempo e máis do BNG de Betanzos que vén acompañado dun importante, sensíbel e crecente apoio social.

O BNG reclama á Xunta unha partida propia nos orzamentos de 2021 para a recuperación do Parque do Pasatempo de Betanzos