O BNG proporá ao Pleno a remunicipalización da auga e o saneamento

O BNG proporá ao Pleno a remunicipalización da auga e o saneamento

Un vaso da auga da traída tal como saía da billa o pasado outono antes da tempada de chuvias

“A auga é un servizo básico e non pode ser un negocio para uns poucos”.

O BNG ten recollido numerosísimas queixas da veciñanza sobre calidade da auga o saneamento e as continuas subidas das taxas.

Betanzos, 26 de xullo de 2014.O BNG levará a Pleno a remunicipalización dos servizos de auga e saneamento. Os nacionalistas pediran no Pleno que se estude o custo que traería rescindir o contrato coa empresa concesionaria e a xestión directa do servizo por parte do Concello.Os nacionalistas defenderán esta proposta despois de ter recollido “numerosísimas queixas da veciñanza sobre calidade da auga o saneamento e as continuas subidas das taxas”.

O voceiro nacionalista explica que desde 1971 Aquagest explota a traída, e o saneamento desde 1992. Ambos contratos foron prorrogados polo PSOE até 2020. En 1992 o goberno do PSOE, a cambio dunhas obras na rede que ían ter un custo de 10 millóns de pesetas pero segundo os datos facilitados polo actual goberno quedaron en 5 e medio, permítelles explotala sen pagar nada de canon.

A auga é un servizo básico e non pode ser un negocio para uns poucos

Desde o BNG denuncian que “na proposta de orzamentos para este ano 2014 o goberno local prevé ingresar neste ano 3500 euros pola xestión do servizo de subministro de auga e 300 euros polo servizo de saneamento”. Unhas cifras que, segundo o goberno local son só as taxas de enganche a ambas redes. Sen embargo, o BNG denuncia que “segundo a conta xeral do 2013 esta empresa concesionaria ingresou en concepto de taxa de subministro de auga 3532,11 euros, mentres que pola taxa de sumidoiros dos 15 000 euros previstos no orzamento prorrogado de 2013 tan só se ingresaron 303,84 euros”. En anos anteriores foi similar, “en 2012 por acometida de auga o Concello ingresou 5992,49 € e pola taxa de saneamento 1062,62, mentres que en 2001 foron 7212,47 e 1540,37, respectivamente”.

Os nacionalistas recordan que, “con este panorama o goberno do PSOE pretendeu subir abusivamente as taxas de ambos servizos en 2012”. Explican que logo de ter denunciado publicamente as intencións do PSOE, o executivo sacou adiante unha suba máis modesta. “En 2013, para este 2014, o goberno do PSOE pretendeu subir igualmente as taxas dos servizos da traída e o saneamento malia contar con informes da Intervención municipal que advertían claramente que a operación soamente buscaba manter a marxe de beneficios da concesionaria” engade Del Río.

Os nacionalistas engaden que teñen recollido “centos de queixas da nosa veciñanza por un servizo dunha calidade cuestionábel” e relatan, entre outras queixas veciñais, a turbidez da auga, as fugas na rede de saneamento e traída en varios puntos do concello. Cuestionan, ademais, que con cartos do Concello se teñan que amañar os estragos nas redes de saneamento para que a empresa continúe facendo negocio.

O PSOE quixo subir as taxas este ano malia contar con informes da Intervención que advertían que a operación soamente buscaba manter a marxe de beneficios da concesionaria

“A auga é necesaria para a vida, polo tanto un servizo basico ao que todas as persoas temos que ter dereito” explica Del Río. “Do mesmo modo que o correcto tratamento dos residuos, neste caso saneamento, é imprescindíbel para manter o noso ecosistema e deixar un país, un mundo habitábel aos nosos fillos e fillas” abunda. “E todo isto que é imprescindíbel non se pode consentir que se convirta nun negocio para que se lucren uns poucos, como está a acontecer” denuncia.

“A realidade é que o que debera ser o máis básico dos servizos convértese nunha vía de especulación, o que en moitos casos conleva clientelismos e corruptelas, como vemos nos medios día tras día” advirten desde o BNG, que reclaman ao executivo que encargue un estudo para que o propio Concello empreste os servizos da traída e o saneamento.

“E que mentres eses estudos non chegan, o Concello estea enriba da concesionaria para que o servizo que pagamos teña uns mínimos de calidade e se acaben as queixas da veciñanza”, conclúen.

O BNG proporá ao Pleno a remunicipalización da auga e o saneamento