O BNG propoñerá no Pleno bolsas e un banco de libros para o conservatorio municipal

O BNG propoñerá no Pleno bolsas e un banco de libros para o conservatorio municipal

Os edís do BNG no rexistro municipal

Desde o BNG insisten en que se debe mancomunar un servizo que “de feito xa é comarcal”.

Betanzos, 26 de outubro de 2013. O BNG propoñerá no Pleno do vindeiro martes crear unha liña de bolsas para estudos no Conservatorio Municipal Carlos López García-Picos, coa contía suficiente e de acordo con criterios progresivos de distribución. O voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou que “logo de que o goberno local do PSOE anunciase a suba das taxas do Conservatorio para o vindeiro curso, o Concello debe articular mecanismos para que ninguén quede fóra deste servizo por unha cuestión de cartos”.

Os nacionalistas, que xa reclamaron ao goberno do PSOE que modifique o proxecto da nova taxa para que sexa realmente progresiva, aseguran que estas bolsas “deben seguir, para ser realmente redistributivas, os criterios de progresividade e xustiza social aprobados no pasado Pleno a instancias do BNG”.

Neste sentido, desde o BNG entenden que se “en 2011 eran 90 os alumnos que cursaban estudos no conservatorio e no curso actual, apenas superan os 70” será porque “a situación de crise económica ten levado a algunhas familias a prescindir de matricular aos seus fillos e filias neste centro”. “O Concello debe facer un esforzo para poñer ao alcance de todas as familias este servizo por medio dunha liña de axudas que evite a exclusión das persoas con menos recursos dunha programación formativa complementar para as súas filias e fillos”, explica Del Río.

Para conseguir esta finalidade, ademais, os nacionalistas propoñen “poñer en marcha un banco de libros de texto” para o alumnado do conservatorio de maneira que desde o Concello se facilite todo o posíbel o acceso a esta formación.

Comarcalizar o conservatorio como alternativa que garanta a súa viabilidade

No tocante á taxa do Conservatorio, os nacionalistas aseguran que “non se pode pretender financiar o servizo a costa unicamente dos usuarios e usuarias”. Desde o BNG insisten en que se debe mancomunar “un servizo que de feito xa é comarcal” e reclaman ao alcalde do PSOE que “igual que convoca aos alcaldes da comarca para pedir máis forzas de seguridade, o faga para garantir servizos educativos na comarca”.

“O PSOE non pode pretender que as familias asuman a parte que Xunta e Deputación deixan de financiar do Conservatorio”, aseguran. “O ensino formal ou non formal non se pode avaliar en termos de beneficio económico, é un servizo e polo tanto o goberno local ten a obriga de asegurar que non hai unha discriminación para acceder por razón da renda”, aseguran desde o BNG.

O BNG propoñerá no Pleno bolsas e un banco de libros para o conservatorio municipal