O BNG propón crear unhas bolsas para actividades extraescolares e comedor

O CEIP Vales Villamarín é o máis grande de Galiza
O BNG propón crear unhas bolsas para actividades extraescolares e comedor

Unha vista do colexio público de Betanzos

“Tamén sería importante que o Concello aumentara a contía das bolsas de material escolar para contribuír a paliar a situación económica que viven moitas veciñas e veciños de Betanzos”.

Betanzos, 17 de xullo de 2012. O BNG solicitou ao goberno municipal do PSOE que habilite unhas bolsas para financiar as actividades extraescolares e o servizo de comedor dos nenos cuxa familia careza de recursos para financialos. “Na situación económica actual vai haber cada vez máis familias que non poidan facer fronte a estes gastos”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os nacionalistas entenden que “tamén sería importante que o Concello aumentara a contía das bolsas de material escolar para contribuír a paliar a situación económica que viven moitas veciñas e veciños de Betanzos”.

Coa suba do IVE aprobada polo PP no goberno do Estado- que supón que o tipo xeral pase do 18 ao 21% e o reducido, que grava a maioría dos alimentos, transporte, produtos sanitarios, pase do 8 ao 10%- e coa baixada das prestacións por desemprego hai familias que van estar aínda máis afogadas economicamente, entenden no BNG. “Pedimos ao PSOE que se deixe de hipocrisía e que faga no goberno local de Betanzos o que pide da dereita noutras administracións”, indicou Del Río, “parecenos que non é de recibo que critiquen os recurtes bestiais do PP e ao mesmo tempo pretendan aplicar as mesmas receitas alí onde gobernan”.

Del Río instou ao PSOE a que demostre con feitos que hai algunha diferenza entre o seu goberno e o da dereita, xa que ultimamente a veciñanza non a percibe. “O PSOE está aplicando a mesma política de recortes que o PP, pretenden subir as taxas da escola infantil municipal igual que fixo a dereita desde o goberno da Xunta e privatizan servizos públicos como vemos en Betanzos cos servizos de xardinaría e limpeza viaria”, explicou o nacionalista, “sería bo que intentara por un momento facer algo do que prometeu aos seus votantes e empece a preocuparse do sufrimento que estas medidas están provocando á veciñanza”.

Asemblea aberta para analizar os novos recortes do goberno central

Para analizar o impacto da suba do IVE e a baixada das prestacións sociais o BNG ten convocado para mañá ás 21:00 h unha asemblea aberta na praza de Uxío Novoneyra, a carón do antigo ambulatorio. O BNG aproveitará o acto para reivindicar novamente a apertura dun centro de día público no inmóbel, agora baleiro e en estado de deterioro. “O alcalde ten que ser inflexíbel defendendo os servizos que Betanzos merece”, aseguran os nacionalistas, que acusan a García de reclamarlle á Xunta o centro de día só despois de que a Seguridade Social denegase a cesión do edificio ao Concello xa que o goberno local do PSOE quería destinalo a local social.

O BNG propón crear unhas bolsas para actividades extraescolares e comedor