O BNG presenta unha campaña para evitar o machismo nas festas

O BNG presenta unha campaña para evitar o machismo nas festas

Imaxe da campaña

“Somos críticos con que se manteña e sufrague con fondos públicos a coroación das raíñas, un número que afonda en estereotipos sexistas, e polo tanto non participaremos del”. “Calquera autoridade dun Estado que se di aconfesional debera manter unha postura de neutralidade e non mesturar unha confesión cun programa financiado con cartos públicos”

Betanzos, 14 de agosto de 2016. O BNG presentou unha campaña para previr o machismo nas festas patronais que comezan hoxe. As nacionalistas aseguran que “pretendemos visibilizar situacións sexistas que se viven con normalidade polos mozos, sen decatarse das graves consecuencias que teñen na liberdade e seguridade das mulleres”.

O obxectivo desta campaña é facer visibeis “situacións que cuestionan as liberdades e dereitos das mulleres, coa finalidade de chamar a atención e remover conciencias”, indican. Neste sentido, desde o BNG explican que “as mulleres non poden ser un produto máis das festas, un reclamo máis”.

“O ambiente festivo e o consumo de alcol e drogas, que xa é prexudicial, non son excusa para xustificar cosas como destrozos, suciedade indiscriminada, etc, e moito menos as agresións ás mulleres” explican as nacionalistas.

Neste sentido, a campaña presentada polo BNG inclúe, a modo de viñeta caricaturesca, varias situacións frecuentes e de aparente normalidade que encerran agresións ás mulleres. “Unha agresión sexista non é só unha violación”, recordan.

“As festas son para que as gocemos todas as persoas pero non todo vale nas festas”, explican as nacionalistas. “Nin o uso nin o abuso de ningunha droga xustifica unha agresión” engaden. “Non é nón, tamén durante as festas” sosteñen, facendo un chamamento a adoptar unha actitude activa diante de agresións sexistas.

Consecuentemente coa campaña presentada, o BNG anunciou que o seu portavoz non participará na coroación nin demais actos relacionados coa raíña das festas. “Somos críticos con que se manteña e sufrague con fondos públicos un número que afonda en estereotipos sexistas e polo tanto non participaremos del”, explican. “Asistiremos ao pregón e recepción ao pregoeiro, en tanto que apertura oficial dos festexos” explican as nacionalistas.

 

Non acudirán aos actos relixiosos

 

Neste sentido, desde o BNG tamén indicaron que dado que o programa electoral contén o compromiso de impulsar unha separación completa entre a Igrexa e o Concello, tampouco acudirán a actos relixiosos. “Calquera autoridade dun Estado que se di aconfesional debera facer isto mesmo”, indican. “Respectamos as crenzas de cada unha das nosas veciñas, mais como representantes públicos debemos manter unha postura de neutralidade”, conclúen.

O BNG presenta unha campaña para evitar o machismo nas festas