O BNG pedirá no Pleno que as subvencións municipais se convoquen en xaneiro

O BNG pedirá no Pleno que as subvencións municipais se convoquen en xaneiro

Henrique del Río é o voceiro do BNG

“O PSOE xestiona mal a mantenta a orde pública de subvencións porque non lle interesa, prefire vender favores con subvencións a dedo e mercar vontades con cartos públicos”

Betanzos, 13 de decembro de 2014. O BNG reclamará no Pleno que en canto entre en vigor o orzamento se convoque a orde de axudas para entidades culturais e veciñais a fin de que poidan planificar a súa actividade. A iniciativa dos nacionalistas chega logo de que o vindeiro luns expire o prazo para xustificar as subvencións de 2013 sen que o goberno local sequera valorase os proxectos presentados.

“Desde o 23 de setembro en que se publica a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia até agora, o PSOE tivo tempo máis que de sobra para resolver este procedemento e non estar agora na situación de exixir xustificar unhas axudas que non se concederon”, relata o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “O normal é que resolvas a orde nun prazo razoábel, e a saída se non fas os deberes sería prorrogar o prazo de xustificación de oficio e antes de que estea a piques de expirar e non chegar a esta situación”, engade.

“Esta forma de actuar do goberno do PSOE non é normal xa que impide ás asociacións que poidan programar a súa actividade” denuncia o edil do BNG. “Non pode ser que unha entidade non saiba a fin de ano se lle conceden ou non a axuda do Concello”, indica. “Iso si, despois todos os días o alcalde sae nos medios de comunicación entregando algunha das subvencións concedidas a dedo e dicindo que de non ser polo goberno local as asociacións desaparecerían”, denuncia.

Para evitar que se repita esta situación, o BNG propoñerá no Pleno que “en canto entre en vigor o orzamento prorrogado para 2015, en vista de que non se tramitou un novo orzamento como exixe a lexislación, se convoque a orde de axudas para entidades culturais e veciñais a fin de que poidan planificar a súa actividade”. Na mesma liña, e a fin de que as entidades deportivas poidan planificar debidamente as súas tempadas, o BNG propón “que as axudas para asociacións deportivas se convoquen cando remate a presente tempada”.

Ademais, os nacionalistas reclamarán no Pleno que o goberno local “resolva estas subvencións o antes posíbel acordando unha prórroga do prazo para xustificalas de oficio” e que “notifique esta prórroga e o novo prazo a todas as entidades solicitantes”. Neste sentido, tamén demandan ao goberno local do PSOE “que dea a cara diante das asociacións logo de provocarlles estes prexuízos”. Para iso demandan “que se convoque a todas as entidades a unha xuntanza para explicar as dúbidas que poidan ter debido a esta situación anormal e se recollan suxestións das entidades sobre as súas necesidades”.

Desde o BNG contrapoñen esa actuación coa que o goberno do PSOE ten coas asociacións ás que outorga unha subvención a dedo sen ningún proceso con criterios baremados e públicos. “O PSOE xestiona mal a mantenta a orde pública de subvencións porque non lle interesa, prefire vender favores con subvencións a dedo e mercar vontades con cartos públicos”, denuncian.

A consecuencia é que se ao final alguén denuncia, que sería o lóxico, van invalidar a orde de axudas e deixar sen cartos públicos ás entidades que non levan axudas a dedo”, engade o portavoz municipal nacionalista. “E todo ven motivado, no fondo, en que no PSOE están máis preocupados en facer as fotos vendendo favores con cartos públicos que en colaborar con quen ten actividade e, polo tanto, dereito a que se lle axude”, conclúe.

O BNG pedirá no Pleno que as subvencións municipais se convoquen en xaneiro