O BNG móllase polo Mandeo

O BNG propón crear dúas grandes zonas verdes urbanas, con dotacións deportivas e de lecer, en augas do Mandeo e o Mendo, sen cementar as beiras dos ríos. Rexenerar a ría e facer un sendeiro entre Betanzos e o Pedrido é a proposta para que Betanzos lidere ambientalmente a comarca.

O BNG móllase polo Mandeo

O BNG propón crear dúas grandes zonas verdes urbanas, con dotacións deportivas e de lecer, en augas do Mandeo e o Mendo, sen cementar as beiras dos ríos. Rexenerar a ría e facer un sendeiro entre Betanzos e o Pedrido é a proposta para que Betanzos lidere ambientalmente a comarca.

Betanzos, 30 de abril de 2011. O BNG presentou na tarde de onte parte das propostas medioambientais recollidas no seu programa de goberno que gardan relación cos ríos e a ría. Para isto, o candidato á Alcaldía, Henrique del Río, e o número 2 da candidatura, Xosé Vales, subíronse nunha piragua e remontaron as augas do Mandeo acompañados dun grupo de padexeiros.

“O BNG defende a posta en valor dos ríos para aproveitar o seu potencial turístico e económico” explicou Henrique del Río. Por este motivo, unha das propostas dos nacionalistas é desenvolver unha oferta de roteiros no medio natural en bicicleta, cabalos ou piraguas e aproveitar as embarcacións tradicionais para uso turístico e recreativo nos treitos urbanos de Mendo e Mandeo. Para isto o BNG entende necesario culminar a rede de saneamento, rematar cos verquidos que aínda a día de hoxe se producen aos ríos e manter limpas as súas beiras.

Outra das propostas do BNG en medio ambiente é a creación dunha gran zona verde entre o Mandeo e as rúas da Cañota e Os Ánxeles. Este novo pulmón para a cidade aproveitará o sendeiro que promove a Deputación e permitiría crear unha nova zona de estacionamento nunha zona céntrica. Ademais, incluiría instalacións deportivas e áreas de esparcemento e mesas e bancos para xantares campestres. “Este proxecto serviría tamén para poñer en valor as árbores froiteiras autóctonas” apuntou Henrique del Río. O BNG propón crear outra zona verde similar na zona de o Areal e o Frade, en augas do Mendo.

As propostas medioambientais do BNG inclúen tamén a creación dun sendeiro medioambiental que percorra a beira da ría até o Pedrido, que se crearía de acordo co concello de Bergondo. “Desde o curso alto do Mandeo poderíase pasear até a súa desembocadura” explicou Xosé Vales, que entende que “este sendeiro complementaría os roteiros en piragua que propoñemos”. O BNG tamén ve coma prioritaria a rexeneración da ría de Betanzos para exprimir todo o seu potencial turístico e pesqueiro, polo que volverán a insistir con este tema no Congreso dos Deputados.

Para desenvolver parte destas propostas os nacionalistas contemplan a creación dun voluntariado ambiental. O programa de medio ambiente do BNG inclúe outras medidas como un plan de aforro enerxético, reducir o gasto municipal de papel, mudar as técnicas de eliminación das malas herbas ou emprender un ambicioso programa de educación ambiental. O obxectivo último do BNG é acadar “a verde Betanzos” da que lle falaba Castelao ao brigantino Manuel Roel.

O BNG móllase polo Mandeo