O BNG lamenta que o PSOE non admita ningunha proposta para a ordenanza do prezo do comedor escolar

O BNG lamenta que o PSOE non admita ningunha proposta para a ordenanza do prezo do comedor escolar

“O PSOE non pode chantaxear á oposición cos prazos cando quen ten a responsabilidade de gobernar son eles e presentan a ordenanza ás presas e sen o estudo económico”.

“Non nos parece de recibo que o PP vote a favor desta ordenanza sen facer ningún tipo de achega nin proposta para mellorala e despois faga as criticas nos medios de comunicación”.

Betanzos, 17 de xullo de 2013. O BNG lamentou que o goberno local do PSOE non admitise ningunha das súas emendas para mellorar a ordenanza fiscal do prezo do comedor escolar. “Foron propostas contrastadas coa ANPA porque queriamos coñecer a opinión e achegas de quen xestionou e utiliza o comedor escolar”, indicou no Pleno o voceiro do BNG, Henrique del Río.

A ordenanza fiscal do PSOE prevé que só se descontará o prezo a partir do décimo día que un cativo falte por ausencia xustificada ao comedor. “Entendemos que sempre que a causa sexa xustificada debe descontarse, sen ningún tope mínimo e os representantes da ANPA tamén nolo indicaron”, aseguran os nacionalistas.

Ademais, o BNG reclamou que se incluísen na ordenanza fiscal bonificacións (descontos) para familias monoparetais e vítimas de violencia machista. Os nacionalistas cuestionaron tamén que o criterio escollido polo PSOE para medir a capacidade económica das familias sexa a declaración da renda do ano anterior. “Unha persoa podía ter un traballo moi ben pagado o pasado ano e ter unha renda moi diferente á que pode ter agora en desemprego e cobrando só a prestación”, espuxo Del Río. “Hai outros indicadores, como o IPREM ou o SMI, que se usan noutras ordenanzas fiscais deste Concello, máis xustos para isto”, indican os nacionalistas, que aseguran que “usar tantos criterios distintos para medir a capacidade económica mesmo pode confundir á veciñanza”.

Ademais, desde o BNG cuestionaron que coa ordenanza fiscal do PSOE, “o usuario ten que escoller a bonificación que quere que se lle aplique”. “O lóxico sería que o Concello, coa documentación que se achegue para a matrícula, aplique xa a máis vantaxosa para cada persoa”, indica Henrique del Río, voceiro do BNG. “Non sabemos para que prevén distintos tipos de bonificacións se non van ser acumulábeis. Para iso mellor bonificar según un único criterio”, criticou.

Para calcular o alcance destes descontos e o custo do servizo a lei prevé que se achegue un estudo económico á hora de impoñer un novo prezo público. “A falta deste informe pode traducirse no futuro en problemas co contrato, como aconteceu noutros casos neste Concello” indicou Del Río, “e quen van pagar os pratos rotos serán os cativos e cativas que usen o comedor”.

Por este motivo, os nacionalistas lamentan que o goberno local do PSOE fixera “ás presas e sen o estudo económico” a ordenanza para fixar os prezos. “O PSOE non pode chantaxear á oposición cos prazos cando quen ten a responsabilidade de gobernar son eles”, advirten desde o BNG. “Tampouco nos parece de recibo que o PP vote a favor desta ordenanza sen facer ningún tipo de achega nin proposta para mellorala e despois faga as criticas nos medios de comunicación”, criticaron desde o BNG. Os nacionalistas indican que se abstiveron na votación para facilitar que o comedor poida funcionar a principios do novo curso escolar, mais “non imos apoiar unha ordenanza que vemos amplamente mellorábel”.

O BNG lamenta que o PSOE non admita ningunha proposta para a ordenanza do prezo do comedor escolar