O BNG denuncia que o goberno local deixou sen pagar parte das axudas de emerxencia social

O BNG denuncia que o goberno local deixou sen pagar parte das axudas de emerxencia social

Henrique del Río intervén nun Pleno

“Os dez mil euros que o PSOE recurta dos fondos para as axudas de emerxencia social van para outorgar subvencións a dedo a entidades privadas para que fagan caridade”.

Betanzos, 20 de setembro de 2014. O BNG advertiu de que as cifras da conta xeral de 2013 “botan por terra a propaganda sobre o gasto social que fai o PSOE”. “O orzamento de 2012 tiña 35 000 euros para as axudas de emerxencia social, o PSOE modificouno e deixouno en 15 400 e a final de ano aínda non pagara 907,35 euros dos pouco máis de 10 000 que concederan en axudas ás persoas en situación de emerxencia social. Nunha situación de emerxencia social os pagos teñen que ser inmediatos, se non de que serve a axuda?”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Isto amosa unha falta de sensibilidade total e evidencia a falta de compromiso do goberno local coas persoas que máis están padecendo as consecuencias da crise”, engadiu.

“Para o que si teñen, sen embargo, foi para incrementar os gastos en publicidade, propaganda e festexos dentro do orzamento de asistencia social, moi por enriba do que prevían no orzamento”, denuncia Del Río. “O PSOE deixa as axudas de emerxencia sen pagar pero funde moito máis en paparotas, autobombo e outras trapalladas totalmente prescindibles”, engade. “E aínda encima usa parte deses cartos en pretender convencernos que o están a facer ben”, cuestionou.

Os nacionalistas tamén cuestionan que o groso do gasto social se vai en pagar a dúas empresas privadas que levan o servizo de axuda no fogar e mais o transporte adaptado. “Isto non é gasto social, é pagar privatizacións”, engaden. Advirten, ademais, que o PSOE utilizou o incremento destas cantidades para “pretender facer ver que sube o gasto social, cando recortan as axudas de emerxencia e as dotacións asistenciais e suben o que se lle paga a estas empresas por dar o mesmo servizo que viñan prestando”.

O BNG cuestiona que “os dez mil euros que o PSOE recurta dos fondos para as axudas de emerxencia social van para outorgar subvencións a dedo”. Os nacionalistas son moi críticos co feito de que “o PSOE recurta servizos e dá financiamento público a entidades privadas para que fagan caridade”.

Ademais, os nacionalistas advirten que a Conta Xeral de 2013 evidencia que o goberno do PSOE “tamén minte cando asegura que recurta gastos superfluos como protocolo ou propaganda”. Así, aseguran que sumando as distintas partidas, “o PSOE gastou máis de 11 000 euros por riba do orzamentado en darse publicidade, e outros 15 000 euros en atencións protocolarias”. “Atencións protocolarias é o eufemismo para as paparotas que organiza o goberno e pagamos todas e todos”, advertiu Del Río, que recorda que “as cantidades previstas no orzamento de 2012 para publicidade e protocolo xa eran escandalosas”.

O BNG denuncia que o goberno local deixou sen pagar parte das axudas de emerxencia social