AS NACIONALISTAS XA SOLICITARAN NO PLENO DE DECEMBRO INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN SOBRE A MENCIONADA OBRA

O BNG cuestiona a construción dunha pista de salto dentro do BIC do Pasatempo

pasatempo 1

Amelia Sánchez afirmou que esta obra non se corresponde coa protección e cautela que merece este elemento patrimonial

O BNG cuestiona a construción dunha pista de salto dentro do BIC do Pasatempo

Betanzos, 28 de decembro de 2020. O BNG cuestionou que o goberno local construíse unha pista de salto de lonxitude a carón da Fonte das Catro Estacións, dentro do ámbito de protección arqueolóxica do BIC do Pasatempo. A fonte, incluída expresamente no Ben de Interese Cultural do Pasatempo, está suxeita ás mesmas obrigas de protección de “calquera dos restos ou evidencias de estruturas e materiais orixinarios da construción do parque e que se atopen no ámbito da parcela devandita e o ámbito da zonificación arqueolóxica”, segundo establece o decreto que outorga a máxima protección patrimonial ao parque enciclopédico.

“Hai un par de semanas preguntabamos no Pleno que eran unhas zanxas que se estaban a abrir a carón do vaso da fonte das Catro Estacións e hoxe atopámonos cunha pista rematada, con alicerzado e bordos de formigón pegada a un monumento catalogado coa máxima protección patrimonial que hai no país”, explica Amelia Pérez, voceira do BNG en Betanzos. 

A nacionalista lembra que o BIC supón “a máxima protección e cautela” para o patrimonio. “Porén, o goberno local promove unha intervención cuestionable desde o punto de vista de conservación do patrimonio e tamén desde o punto de vista estético”, abunda. “En lugar de dignificar o entorno da Fonte das Catro Estacións, pégalle esta construción ao vaso e amorea colectores de barco e vallas con pancartas a carón da fonte, degradando aínda máis o seu entorno e acrecentando a pésima imaxe e conservación do Pasatempo que o PSOE ven facendo desde hai décadas” lamenta. Por outro lado, a voceira nacionalista lembra que a fonte se atopa nun estado de conservación moi deficitario e mesmo hai elementos da súa estrutura suxeitos con bridas, “en lugar de centrarse na elaboración do proxecto de recuperación desta parte do BIC, constrúen unha instalación que podía localizarse en calquera outro espazo público”.

“Desde logo a preocupación polo patrimonio non está detrás deste novo atentado contra o Pasatempo por parte do goberno local do PSOE”, ironiza Amelia Sánchez. “O PSOE supeditaba promover a declaración de BIC do Pasatempo a amañar os intereses urbanísticos no Carregal e, está visto, segue poñendo por diante a súa política clientelar de facer favores ao interese xeral de conservar e poñer en valor un monumento único como o Pasatempo”, abunda.

“É curioso que cando demandabamos limpeza da parte histórica, podas coidadosas co seu arboredo ou crear unha guía con códigos QR o goberno do PSOE sempre dicía que calquera cousa que fixeramos no Pasatempo tiña que agardar a declaralo BIC e agora que ten esa protección, coas obrigas que isto leva, poñan todo isto a carón da fonte ou formigonen ás bravas o muro orixinal que queda do peche da parte baixa do parque”, engade Sánchez.

“Será por sitios para colocar unha pista de salto de lonxitude e unha caseta para almacén dun club deportivo, se detrás do muro no que o apoiou todo ten un campo de fútbol con espazo e dependencias de sobra para isto, sen ter que degradar máis a Fonte das Catro Estacións”, ironiza. “Está visto que para o goberno do PSOE o patrimonio é un problema, un impedimento, e non a locomotora que ten que tirar do progreso de Betanzos”, lamenta.

O BNG pediu os permisos de patrimonio para esta construción no pleno

“Construír unha pista de salto non é ningunha das intervencións previstas na Lei de Patrimonio para un Ben de Interese Cultural e é máis cá dubidoso que entre nalgunha das previstas tamén nas súas áreas de protección e de cautela arqueolóxica” explica Amelia Sánchez. Por este motivo, o BNG solicitou copia das autorizacións patrimoniais para levar a cabo todas as actuacións que o goberno local realizou no entorno. “Polo de agora, e como ven sendo tristemente habitual, o PSOE mantén a súa tónica de opacidade e non nos entregou esta documentación malia vencer xa os prazos que a Lei marca para isto, e por algo será que non nolos dan”, conclúe.

O BNG cuestiona a construción dunha pista de salto dentro do BIC do Pasatempo