O BNG-Asembleas abertas traslada ao Pleno a ILP da CIG por unha tarifa eléctrica galega

O BNG-Asembleas abertas traslada ao Pleno a ILP da CIG por unha tarifa eléctrica galega

O portavoz do BNG-AA, Henrique del Río, e o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, nunha xuntanza

En decembro de 2013 o BNG xa presentou unha moción no Concello demandando medidas para evitar a pobreza enerxética, que nunca chegou a executarse.

Betanzos, 17 de setembro de 2015. O voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río, comprometeuse co Secretario Comarcal da CIG, Xabier Filgueira, a facer chegar ao Pleno do Concello unha iniciativa para que Betanzos respalde a iniciativa lexislativa popular de medidas para garantir a enerxía como un servizo público e contra a pobreza enerxética.

Del Río e Filgueira coincidiron en que “parece absurdo que, sendo como é Galiza unha das principais zonas produtoras e exportadoras de electricidade do Estado, aquí poida haber dificultades para continuar coa actividade produtiva de empresas polo feito de seren grandes consumidoras”.

Advertiron, ademais, que “en Galiza hai máis de 100 000 fogares que padecen pobreza enerxética, que teñen dificultades para pagar o recibo a final de mes e que non poden garantir unhas condicións mínimas de habitabilidade, sobre todo en épocas de inverno”. Neste sentido, Del Río recordou que en decembro de 2013 o BNG xa presentou unha moción no Concello demandando medidas para evitar a pobreza enerxética.

A CIG e o BNG-AA coinciden ao afirmar que “debería ser o propio goberno galego quen tomara a iniciativa á hora de regular o sector enerxético e mesmo á hora de promover empresas de carácter público que impidan que se converta nun sector no que se dediquen a especular cos prezos as grandes empresas monopolísticas que o controlan”. Esta situación, aseguraron, non afecta só ao tecido industrial senón que “no medio rural moitas explotacións teñen dificultades para manter a súa actividade pola precariedade das instalacións de electricidade”.

Por este motivo, a ILP contempla medidas para que territorios como Galiza, excedentarios en produción eléctrica, teñan unha tarifa propia. “Padecemos as consecuencias sociais e ambientais de producir electricidade: vales asolagados para centrais hidroeléctricas, ríos cortados para miniocentrais, montes ocupados para a eólica ou emisións das térmicas de carbón e gas, que afectan ao territorio, á saúde das persoas e á produción agraria, e temos a luz máis cara do Estado”, lamentan. Propoñen unha rebaixa do 30% das peaxes.

“Desta tarifa eléctrica galega beneficiaríanse os municipios, pois son os veciños e veciñas que asumen o pago do servizo eléctrico” engade Del Río. Ademais, aseguran, a redución no recibo enerxético permitiría facer máis competitivas as empresas do país. “Estes días fálase de Alcoa, mais tamén as empresas da nosa comarca como por exemplo EMESA poderían saír beneficiadas de pagar o prezo máis xusto pola enerxía eléctrica” explica Del Río.

“O ano pasado o goberno vasco negociou co goberno do Estado unha rebaixa nas peaxes industriais cuantificada en 50 millóns de euros/ano, que as industrias vascas van deixar de pagar e cuxos custes repercutirán no conxunto do sistema” explican, “se os vascos poden, os galegos tamén”.

O BNG-Asembleas abertas traslada ao Pleno a ILP da CIG por unha tarifa eléctrica galega