O BNG-Asembleas Abertas reclama actuacións concretas para combater o desemprego feminino

O BNG-Asembleas Abertas reclama actuacións concretas para combater o desemprego feminino

igualdade"Pediremos ao goberno local un novo plan de igualdade, con achegas da veciñanza e con medidas e partida específica no orzamento anual".

Betanzos, 20 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas abertas reclamará unha vez mais no Pleno actuacións contra o desemprego feminino e a precariedade e desigualdade no mercado de traballo en vésperas do 8 de marzo.

“Continúa a ser evidente que a crise agravou a situación de desigualdade e precariedade das mulleres. Diante do discurso falaz dunha igualdade conseguida, diferentes estudos, informes e enquisas recollen datos sobre a crecente situación de precariedade laboral e traballo vulnerábel que viven as mulleres galegas”, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río. “A fenda salarial segue a ser unha triste realidade que as institucións acheguen medidas de calado. Ademais, son as mulleres quen lideran as estatísticas de emprego temporal e parcial”.

“As políticas austericidas do PP frearon a posta en marcha de medidas de igualdade, tanto no referido á lexislación como á realización de programas concretos. A falta de vontade política é tal que continuamos a agardar pola posta en marcha de políticas tan necesarias e reclamadas social e politicamente, como medidas que melloren o emprego feminino”, engadiu Del Río.

“No noso concello, segundo os datos de desemprego do mes de xaneiro hai 561 mulleres desempregadas fronte a 477 homes, o que é unha tendencia constante en todo o País”, indicou o voceiro nacionalista. “No ano 2014, rematou a vixencia do anterior Plan de igualdade no noso Concello e xa fai un ano, en marzo do 2015, trouxemos a Pleno unha moción pedindo que se aprobase un novo plan de igualdade que incluíse medidas contra o desemprego feminino. O goberno local do PSOE votou a favor desta moción, mais non fixo nada por levala á práctica, como ven sendo habitual”.

“Por outro lado, na proposta do capítulo II do orzamento de gastos que nos achegou o PSOE non hai ningunha partida específica para elaboración do Plan de igualdade nin para poñer en funcionamento medidas encamiñadas a combater o desemprego feminino”, informou o portavoz do BNG-Asembleas abertas.

“Pediremos ao goberno local que aprobe un novo plan de igualdade municipal, que conte coas achegas da veciñanza e dos diferentes grupos políticos e que inclúa medidas para combater a elevada taxa de desemprego feminino existente en Betanzos, habilitando unha partida específica no orzamento do 2016 para o Plan de igualdade e a loita contra o desemprego feminino”, concluíu.

O BNG-Asembleas Abertas reclama actuacións concretas para combater o desemprego feminino