O BNG-Asembleas Abertas propón iniciar os trámites para a remunicipalización do ciclo da auga

O BNG-Asembleas Abertas propón iniciar os trámites para a remunicipalización do ciclo da auga

As queixas pola calidade da auga da traída son unha constante

As nacionalistas advertiron, ademais, de que Viaqua pretende desfacerse da outra concesión que ten no Concello de Betanzos e para cederlla a outra empresa privada.

Betanzos, 24 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propoñerá ao Pleno iniciar os trámites para a remunicipalización dos servizos de auga e saneamento. As nacionalistas pedirán no Pleno que os servizos municipais analicen ocoste da rescisión do contrato coa concesionaria da auga e o saneamento, analizándose tamén a pertinencia dunha xestión directa do servizo por parte do Concello. As nacionalistas defenderán esta proposta despois de ter recollido “numerosísimas queixas da veciñanza sobre calidade da auga o saneamento e as continuas subidas das taxas”.

O voceiro nacionalista explica que desde 1971 a empresa Aquagest explota a traída, e o saneamento desde 1992. Ambos contratos foron prorrogados polo PSOE até 2020. En 1992 o goberno do PSOE, a cambio dunhas obras na rede que ían ter un custo de 10 millóns de pesetas (pero que segundo datos do actual goberno quedaron en 5 e medio), permítelles explotala sen pagar nada de canon.

“En 2014 presentamos unha moción similar a esta, demandando un estudo para a recuperación da xestión municipal dos servizos de saneamento e subministro de auga potábel. Porén, daquela o PSOE respondeu mediante un escueto informe do asesor xurídico, apenas un folio, redactado sen sequera mirar o prego das concesións” recorda o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas recolleron “centos de queixas da nosa veciñanza por un servizo dunha calidade cuestionábel” e relatan, entre outras queixas veciñais, as fugas na rede de saneamento e traída en varios puntos do concello. Cuestionan, ademais, que con cartos do Concello se teñan que amañar os estragos nas redes de saneamento, só para que a empresa continúe facendo negocio.

“A auga é necesaria para a vida, polo tanto un servizo básico ao que todas as persoas temos dereito”, explica Del Río. “Tan imprescindíbel é un correcto tratamento dos residuos, como un saneamento que permita manter o noso ecosistema e deixar un país, un mundo habitábel para os nosos fillos e fillas” abunda. “E por todo isto que é imprescindíbel, non se pode consentir que un servizo básico como a da auga se convirta nun negocio para que se lucren uns poucos, como está a acontecer”, denuncia.

“A realidade é que o que debera ser o máis básico dos servizos convértese nunha vía de especulación, o que en moitos casos conleva clientelismos e corruptelas, como vemos nos medios día tras día”, advirten desde o BNG-Asembleas Abertas, desde onde reclaman ao executivo que o propio Concello estude como pode prestar os servizos da traída e o saneamento. “E mentres eses estudos non chegan, o Concello debe estar enriba da concesionaria, para que o servizo que pagamos teña uns mínimos de calidade e se acaben as queixas da veciñanza”, conclúen.

Viaqua quere ceder o contrato das piscinas e o pavillón a outra empresa

As nacionalistas advertiron, ademais, de que Viaqua (anteriormente coñecida como Aquagest) pretende desfacerse da outra concesión que ten no Concello de Betanzos e para cederlla a outra empresa privada. “O PSOE está preparando o camiño para a cesión da explotación do pavillón e piscinas municipais a outra empresa”, indican desde o BNG-Asembleas Abertas.

“Se a empresa conclúe que o contrato non lle rende, que renuncie a el, mais non é de recibo que busque outra firma que se faga cargo del até que expire”, indica Del Río. “O Concello debería aproveitar esta situación para recuperar e explotar directamente o pavillón e as piscinas municipais”, conclúe.

O BNG-Asembleas Abertas propón iniciar os trámites para a remunicipalización do ciclo da auga